Un 'verán quente' até que se respecte o sector lácteo galego

Tratoradas, marchas a pé, paros, peches de comercios... agosto e setembro acollerán diverasas mobilizacións (en Santa Comba, Chantada, Meira, Sarria...) para facer fronte a unha crise que bate con forza nun bo número de parroquias deste país.

A Plataforma pola defensa do sector lácteo galego iniciará este sábado, 1 de agosto, en Santa Comba, un intenso calendario de mobilizacións que van realizarse nas principais comarcas produtoras do país e ás que poñerá o ramo o 10 de setembro unha gran marcha en Compostela. Mobilizar a poboación e demandar solucións urxentes aos graves problemas que atravesa o sector leiteiro son algúns dos obxectivos deste 'verán quente'.

Dende a Plataforma estanse promovendo reunións con representantes dos concellos das principais comarcas leiteiras e representantes de organizacións e asociacións de produtores/as, consumidores/as, fabricantes de penso, cooperativas, sindicatos, partidos políticos, etc., co obxectivo de concertar medidas para sensibilizar e mobilizar a toda a sociedade “até que as administracións tomen medidas eficaces”. As demandas: recollida do leite e prezos xustos. O que acontece en toda Europa agás Galiza.

Mobilizacións

Xallas:  1 de agosto. Concentración de tractores no multiusos de Santa Comba ás 12 horas. A partir das 13 horas sairase en manifestación até o Concello, onde se dará lectura a un manifesto reivindicativo. Así mesmo, os comercios de todos os municipios da comarca pecharán de 12 a 14 horas.

Chantada: 6 de agosto. Haberá concentración de tractores no campo da feira de Chantada ás 12 horas, con posterior recorrido polas principais rúas. Ás 13 horas, dende a feira, partirase en manifestación até a Casa Consistorial, onde se lerá  o manifesto reivindicativo. Os comercios tamén pecharán en todos os concellos da comarca de 12 a 14 horas.

E habér máis mobilizacións, das que falla concretar contidos, en Deza 11 de agosto, Meira: 20 de agosto, Sarria: 27 de agosto, Curtis: 3 de setembro.

Comentarios