A industria galega recupérase a un ritmo catro puntos inferior á media estatal

Segundo os últimos datos do INE, tanto o sector industrial como o de servizos incrementaron a facturación en xaneiro.
As grúas dos estaleiros vigueses son testemuñas da caída da produción industrial no sector naval galego. (Foto: Antonio Alcobendas)
photo_camera Guindastres dos estaleiros vigueses. (Foto: Antonio Alcobendas)

A cifra de negocios da industria galega medrou por volta de 8,9% no pasado mes de xaneiro, comparando co mesmo período de 2022, segundo os datos publicados esta quinta feira polo INE. Este dato supón un aumento de case catro puntos menos que a media estatal, que rexistra unha repunta de 12,8% en xaneiro, acumulando 23 meses consecutivos á alza debido, principalmente, ao impulso das vendas procedentes do sector enerxético, que se incrementaron en 24,4%.

O avance interanual de xaneiro é 3,2 puntos superior ao que se producira en decembro de 2022. En termos mensuais —xaneiro de 2023 sobre decembro de 2022— e cos datos corrixidos de estacionalidade e calendario, a industria recortou as súas vendas 0,9%, en contraste cos aumentos mensuais de 2,2% e 0,4% rexistrados en novembro e decembro de 2022, respectivamente.

Sector servizos

Pola súa parte, o sector servizos da Galiza incrementou a súa facturación en 20,9% en xaneiro a respecto do mesmo mes de 2022, situándose como o terceiro territorio do Estado onde máis medrou, só por detrás de Canarias (+28,3%) e Balears (+25,4%). A ocupación no sector aumentou 1,2%, a pesar de que a suba da media estatal foi de 1,7%.

De feito, o sector servizos elevou a súa facturación en 12,9% no conxunto do Estado español o pasado mes de xaneiro en comparanza co mesmo mes de 2022, ampliando en 1,7 puntos o ascenso rexistrado o mes anterior. Co avance de xaneiro, os servizos encadean, igual que a industria, 23 meses consecutivos de subas interanuais, apó sun ano de fortes caídas como consecuencia da pandemia da Covid-19.

O comercio facturou o pasado mes de xaneiro 12,5% máis que no mesmo mes de 2022, mentres que os outros servizos elevaron as súas vendas nun 14% interanual, impulsados especialmente pola hostalaría (+26,8%) e as actividades administrativas, científicas e técnicas, que incrementaron a súa facturación en 17,6% interanual.

Dentro da hostalaría, os servizos de aloxamento incrementaron as súas vendas en 49,3%, mentres que os servizos de comida e bebida facturaron 20,1% máis que en xaneiro de 2022. Por actividades, as maiores repuntas das vendas anotáronos as axencias de viaxe e operadores turísticos (+93,5%) e mais o transporte aéreo, que medrou 66,5%.

Comentarios