xoves 28.05.2020

As vendas da industria galega caen en 11,5% e a facturación do sector servizos en 16,8%

A crise derivada da pandemia de coronavirus continúa a pasar factura á economía galega.

As vendas da industria galega caen en 11,5% e a facturación do sector servizos en 16,8%

Os datos e estatísticas continúan a mostrar a derivada económica da crise do coronavirus, cun importante impacto en todos os sectores. Esta quinta feira coñecéronse os informes do Instituto Nacional de Estatística (INE) sobre sectores como o industrial e o de servizos.

A crise xerada pola pandemia de coronavirus provocou unha caída de 11,5% na cifra de negocio da industria da Galiza no mes de marzo con respecto a mesmo mes do ano pasado (case dous puntos e medio por baixo da media do Estado), e tamén experimentou un descenso, de 11,3%, con respecto ao mes de febreiro deste ano.

A nivel do Estado, a cifra de negocios da industria caeu 13,9% o pasado mes de marzo respecto ao mesmo mes de 2019, o seu maior retroceso desde outubro de 2009, e volve a taxas negativas. Corrixido o efecto calendario e a estacionalidade, a cifra de negocios da industria baixou 16,4% interanual no terceiro mes do ano.

A pesar desta caída, o INE destacou que a fabricación de produtos farmacéuticos elevou as súas vendas 17,4% no mes en que o Goberno decretou o primeiro estado de alarma.

A facturación do sector servizos na Galicia caeu no mes de marzo 16,8% con respecto ao mesmo mes do ano anterior. Segundo os Indicadores de Actividade do Sector Servizos que publica este xoves o Instituto Nacional de Estatística (INE), a cifra de negocios do sector caeu en marzo un 16,8% con respecto a un ano antes (dous puntos menos que a media do Estado), e a caída con respecto ao mes de febreiro foi de 11,5%.

A baixada de actividade e facturación reflectiuse tamén no emprego, cun descenso de 2,3% na ocupación, con respecto ao mes de marzo de 2019 .

comentarios