“A venda de NGB ao fondo Guggeinheim deixaría o 40% do mercado galego en mans do responsábel da crise das 'subprime'

A CIG exixe a paralización do proceso de venda da entidade financeira e demanda a súa transferencia a Galiza para a súa conversión nun Banco Público.

A CIG oponse á venda de Novagalicia Banco ao fondo Guggeinheim, ao que cualifica como “especulativo” e responsabiliza de ser un dos máximos responsábeis da crise das 'subprime'. A central nacionalista xustifica este posicionamento en que considera que, tras o debate parlamentar sobre NGB, fica claro que hai un “apoio explícito e directo da Xunta de Galicia” á opción deste fondo, “alegando que a súa entrada garante a estabilidade e o emprego e remata coa incerteza.

"Quen dirixe Guggeinheim é Alan Schwartz (...) que tivo unha participación no timo das hipotecas 'subprime' que son a orixe da pavorosa crise económica que aínda se vive na actualidade"

“A opción defendida polo Partido Popular supón que un dos máximos responsábeis da crise financeira das subprime, que fixo saltar polos aires a economía mundial, quede co banco nacido das Caixas de Aforros, outorgándolle o dominio sobre o 40% do sistema financeiro galego. Unha bomba de reloxería para a economía galega no seu conxunto”, manifestan desde a CIG.

Quen é?

A dinámica de traballo de fondos como o Guggeinheim pasa por “mercar barato, reestruturar e vender caro”. A compra de NGB por un fondo simplemente, afirma a central nacionalista, aprazaría a súa futura venda a un banco. “Pero ademais, tal e como aconteceu coa venda de EVO ao fondo especulativo e fronte á opacidade máis absoluta por parte da Dirección, do FROB e do Goberno español e galego, a CIG entende que é preciso informar de quen dirixe este fondo especulativo”

E quen dirixe Guggeinheim é .Alan Schwartz, que “era o CEO de Bear Stearns, o quinto banco de investimentos norteamericano e tivo unha participación fundamental no timo das hipotecas 'subprime' que son a orixe da pavorosa crise económica que aínda se vive na actualidade. A Reserva Federal norteamericana tivo que intervir en Bear Stearns e obrigou a súa venda, sendo adquirido por JPMorgan por 236 millóns de euros (cun desconto do 93%)”.  

Comentarios