venres 17.01.2020

Vence: “A dirección de NGB trasladounos o seu desacordo con vender o banco agora"

O portavoz nacional do BNG reuniuse co comité de empresa do Novagalicia Banco, que en breve será subastada. Xavier Vence afirmou que “Feijóo ponse a favor do proceso e iso é unha traizón aos intereses do país, cando debería estar liderando unha fronte en contra do espolio do aforro galego”.

Foto: Pepe Ferrín
Foto: Pepe Ferrín

O proceso de venda de NGB supón “perder a ferramenta que hoxe xestiona o 40% do aforro galego. A creación de empresas e a creación de emprego no futuro verase resentida nesa mesma proporción, nun momento en que Galiza precisa unha entidade comprometida coa economía produtiva”. O portavoz nacional do BNG, Xavier Vence, mostrouse rotundo sobre as nefastas consecuencias para o país de perder esta ferramenta financeira, e así llas expuxo ao comité de empresa de Novagalicia Banco, co que se reuniu en Compostela.

"É unha venda con noturnidade e aleivosía" que vai supor "perder a ferramenta que hoxe xestiona o 40% do aforro galego"

Para Vence, “a mellor opción é transformar NGB en banca pública galega”, e non proceder a unha venda “con nocturnidade e aleivosía”. Neste senso, o portavoz nacionalista amosouse “estupefacto” polo papel que está a xogar o presidente da Xunta.

“O señor Feijóo en lugar de entrevistarse cos vendedores, é dicir, co ministro Luis de Guindos, co responsable do FROB ou con Mariano Rajoy, para pedirlles que freen o espolio de NGB, reúnese cos compradores interesados en quedarse co botín”. Unha actitude que evidencia para Xavier Vence que “Feijóo ponse a favor do proceso e iso é unha traizón aos intereses do país, cando debería estar liderando unha fronte en contra do espolio do aforro galego”, argumentou.

Dirección

A reunión co comité de empresa vén precedida dun encontro con José María Castellano, actual presidente executivo da entidade galega. “A propia dirección da entidade, e quero salientar este dato, trasladounos o seu desacordo con esta anticipación do proceso de venda, e confesou que non foi consultada e que, cando menos, debería esgotarse o prazo concedido até 2017 pola Comisión Europea para completar o proceso”, indicou o portavoz nacional do BNG, quen instou a Castellano “a expresar en público o que explica en privado, porque non só o portavoz nacional do Bloque, senón o conxunto da cidadanía galega ten dereito a saber a opinión da propia dirección de NGB”.

"Sexa cal sexa o escenario final, non podemos permitir a perda de emprego"

"En calquera caso, sexa cal sexa o escenario final, non podemos aceptar que conleve a destrución masiva de emprego, -1.500 postos directos segundo as estimacións do comité de empresa-. É responsabilidade da Xunta e do Goberno central preservar o emprego a obra social, os centros de FP, os centros de maiores, as escolas infantís e os centros culturais que hoxe dependen da obra social”, salientou.

Na reunión estiveron presentes o portavoz nacional do BNG, o secretario de organización, Bieito Lobeira, e os responsábeis sindicais da CIG, Clodomiro Montero; de UGT, José Ramón de Pliego-Valdés; Miguel Anxo Rouco, de CCOO, José Luís  Regueiro, de ASCA, Isabel Gayoso e Xosé Luís Liñares, de CSICA, Carlos Peso e Xesús Díaz, e de CGT, Javier Mera.

comentarios