A vaga de temporais deixa en ''situación crítica'' os sectores de horta, froita e flor de Galiza

O Sindicato Labrego Galego insta á Consellería a actuar e denuncia que os estragos que están a causar os temporais son o “colofón” a un 'annus horribilis', cunha “forte mingua na produción e nos ingresos das explotacións galegas”.

hortiña
photo_camera Foto:granxafamiliar

O Sindicato Labrego Galego solicitou unha xuntanza coa Consellaría de Medio Rural para tratar a “crise” xerada polos estragos causados polos temporais das últimas semanas no sector de horta, froita e flor na Galiza.

A destrución de instalacións esenciais como invernadoiros e o empozamento continuado das terras de labor son o "colofón a un annus horribilis" neste sector, denuncia o SLG, un sector que acusa unha forte mingua produtiva "despois das irregularidades climatolóxicas que se sucederon ao longo de 2013, no que as choivas excesivas e pertinaces se alternaron con períodos de seca demasiado longos".

Choivas abundantes e pertinaces alternaron con perídos de seca longos. O resultado: queda de produción e ingresos das hortas galegas nun contexto no que os custos seguen a subir

O Sindicato proporá á Xunta medidas como crear unha liña extraordinaria de axudas para reparar infraestruturas danas polos temporais, dar preferencia ás explotacións afectadas polos temporais á hora de acceder aaxudas,como as do Plan de Mellora das Explotacións Agrarias; ou ben Crear mecanismos administrativos que compensen a devandita falta de liquidez como, por exemplo, bonificacións ou gratuidade nas cotizacións á Seguridade Social durante un período de tempo determinado.

Queda de ingresos, suba de custos

“Á forte caída nos ingresos das explotacións derivada de todo o devandito, houbo que sumar o incremento dos custes da actividade provocados polo encarecemento de insumos esenciais como o gasóleo, a electricidade ou os abonos”.

O SLG afirma que hai “unha serie de desvantaxes comparativas” que sofre o sector de horta con respecto a outras actividades agrogandeiras. Apunta neste sentido que o sector hortofroiteiro e o da floricultura carecen de axudas da Política Agraria Común (PAC) ou ben que á hora de prever danos como os causados polos temporais, non se poden beneficiar de seguros agrarios, “pois os que hai ou son demasiado caros ou non están adaptados á idiosincrasia do noso país”

Desleixo e falta de apoios das administracións

Para este sindicato, non deixa de chamar a atención que dende a Xunta ou o Ministerio de Agricultura “non se apoie e potencie máis un sector que está a ser o máis solicitado para incorporacións de xente nova á actividade agraria e que, polo tanto, se está a revelar como unha saída laboral e de autoemprego con futuro no actual contexto de crise”.


 

Comentarios