A gandaría do vacún treme polo plan 'España 2050'

As recomendacións referidas ao sector do vacún e ao consumo de carne recollidas no plan España 2050 están a provocar un profundo malestar entre os gandeiros galegos. A medida, anunciada polo presidente do Goberno español, Pedro Sánchez, introduce máis incertezas nun sector que padece a crise económica derivada da pandemia.
Explotación de vacún en extensivo. (Foto: Europa Press) #gando #gandaría #vacún #fruga #galiza #ue
photo_camera Explotación de vacún en extensivo. (Foto: Europa Press)

O denominado plan “España 2050”, elaborado por máis de cen persoas expertas baixo a dirección do Gabinete da Moncloa e presentado a pasada semana polo presidente español, Pedro Sánchez, non deixa ninguén indiferente. Neste sentido, son numerosas as reaccións e críticas de diversos sectores económicos ás propostas formuladas no documento, mais ninguén ten erguido tanto a voz como as e os gandeiros. A este respecto, destacan que algunhas das suxestións na materia coinciden coas formuladas por poderosos lobbys internacionais, significando a posición mantida polo multimillonario Bill Gates.

"Reducir o consumo de alimentos de orixe animal"

As medidas recollidas no documento e máis concretamente no “4º Desafío. Converternos nunha sociedade neutra en carbono, sostíbel e resistente ao cambio climático” ten prendido todas as alarmas. Así, afirma que “a poboación española terá que reducir o consumo de alimentos de orixe animal, a cantidade de pezas de roupa que compra ou o número de dispositivos dixitais e electrodomésticos novos que adquire ao ano. Tamén terá que volverse máis comedida nos seus desprazamentos”. Ao tempo, recolle que “numerosos estudos sinalan que o consumo de carne da poboación española é entre dúas e cinco veces superior ao recomendábel”.

O documento gobernamental vai máis alá nas súas consideracións. Neste sentido, cualifica “de insostíbel a actual situación no futuro” e significa “o abandono progresivo da dieta mediterránea e o incremento do consumo de produtos de orixe animal, responsábeis de 80% das emisións asociadas á nosa alimentación”. Na mesma liña, destaca que “o consumo de alimentos é hoxe a principal fonte dos impactos ambientais que xeran os habitantes da Unión Europea” e reclama “unha mudanza profunda nos ámbitos alimentarios e a busca de nutrintes de orixe non animal a fin de cumprir coa redución de emisións que require a emerxencia climática”.

Os datos do mes de marzo de 2020 do Inventario nacional de gases de efecto invernadoiro do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico desmenten algunhas das premisas sobre as que se fundamenta a proposta do Executivo. En concreto, a contribución da gandaría aos gases de efecto invernadoiro é de 7 %, por detrás do transporte (27%), a industria (19,9%), a xeración eléctrica (17,8%), o consumo de combustíbeis (8,5%) e os procesos industriais e uso de produtos (8%). Nesa dirección, economistas críticos, como Pedro García López, denuncian que “se tomen como un todo as diversas producións gandeiras”.

"Economía circular"

“A gandaría é un exemplo de economía circular, con actividades como o aproveitamento como coprodutos para a alimentación do gando de subprodutos de producións vexetais destinadas a uso humano, ou a xestión eficiente de estercos e xurros como subprodutos cunha importante utilidade agronómica como fertilizantes orgánicos de cultivos”, escribe García López, quen pon en destaque a súa función para “para a limpeza do monte e a prevención dos incendios forestais, así como para unha maior diseminación de nutrientes e o consecuente aumento da fertilidade do chan”.

O dirixente da Federación Rural Galega (Fruga), Elías Somoza, opina que as propostas recollidas no plan “España 2050” “non se corresponde coa realidade da gandaría de vacún galega”. “Aquí carecemos de macrogranxas e as explotacións de carne son en réxime extensivo, o que nos permite contar cunha carne de primeira calidade, como a de Tenreira Galega”, afirma Somoza, quen destaca que “a gandeira é a principal actividade agraria de comarcas enteiras do noso país, como Os Ancares, A Fonsagrada ou Macizo Central e cun peso moi importante noutras como Sarria ou A Terra Chá”. 

“Non entendemos que se lle queira dar o remate a producións ecoloxicamente sustentábeis, que fixan poboación no rural, posibilitan certo equilibrio territorial e xogan un papel chave na loita contra o lume”, asevera Somoza, quen lembra que “os problemas de emisións proceden das grandes granxas en intensivo, as mesmas que tamén xeran dificultades para a xestión de residuos”. O dirixente de Fruga cuestiona, tamén, as propostas de carnes sintéticas para a alimentación humana, como ten suxerido Bill Gates, e significa que “a carne de calidade segue a producirse nas explotacións sustentábeis como as existentes na Galiza, esa función non se pode realizar nun laboratorio”.

Comentarios