Análise

A urxencia dun contrato da sociedade co medio rural

Agricultor lucense traballando a terra. (Foto: Carlos Castro / Europa Press)
photo_camera Agricultor lucense traballando a terra. (Foto: Carlos Castro / Europa Press)

O coidado e conservación do medio ambiente corresponde á sociedade no seu conxunto, incluso a quen produce alimentos, quen os transforma, quen os transporta, quen os comercializa e, evidentemente, quen os consume.

Non son poucas as explotacións agrarias que fan un produto polo lle pagan nove, que entrega a un intermediario ao que lle pagan 29,  para levar á industria que recibirá 59 , rematando no expositor do supermercado coa etiqueta de 99 .

É o que se chama a “cadea alimentaria”, na que un produto vai xerando valor en función do percorrido e procesos que realiza. A parte deste “valor engadido” tamén adquire un “prezo engadido” as veces desproporcionado e meramente especulativo.

Agricultura

Esta cadea comeza bastante antes: na preparación do terreo, nas emendas orgánicas e calizas para corrixir os solos, na fertilización, na plantación ou sementeiras, labores de cultivo, control fitopatolóxico ou na propia colleita final. Chámase agricultura que se fai mirando para o ceo coa esperanza de que non veña unha xeada ou unha sarabia que estrague o traballo dun ano en poucos minutos.

Desde o punto de vista ambiental, estamos tan observados que parece que a agricultura é a causante de todos os males. Certo que hai casos con altas cargas gandeiras que sobreexplotan os recursos, plantacións intensivas non fan as rotacións correctas con aportes fertilizantes sobredimensionados, ou concentracións gandeiras que imposibilitan a axeitada xestións de xurros.

Claro que debemos e podemos camiñar cara a sistemas sostíbeis, que creo que segue a ser a norma e non a excepción, onde a persoas dedicadas á agricultura se comprometan a exercer a súa actividade de xeito que beneficie á súa explotación e a tamén todo o territorio da súa contorna, cuns obxectivos máis alá do simple beneficio económico e que realicen unha actividade de conservación do medio ambiente, da paisaxe e dun medio rural vivo no seu conxunto.

A urxencia de políticas públicas

Pero non podemos pretender ser “ecoloxistas” a conta dos outros. Se queremos que a agricultura cubra ese papel terá que asumir o custo a sociedade como conxunto, dando prioridade á concesión de axudas a estes modelos de xestión do territorio, pero tamén cun apoio real mediante “contratos de explotación sustentábel” como os que se puxeron en marcha naquela efémera Consellaría do Medio Rural presidida por Suárez Canal.

Na mesma liña, cumpre contar, tamén, con “contratos homologados” que non permitan que o agricultor cobre nove por aquelo que o consumidor paga a 99, e que dean seguridade e estabilidade as explotacións a as súas producións agrarias. Un contrato da sociedade co medio rural.

Comentarios