Unións Agrarias avanza mobilizacións contra os prezos "artificialmente baixos" do leite en Mercadona

O prezo do leite galego cronifícase como o máis baixo do Estado español.
#leite #supermercado #supermercados #mercadona #gandaria #gandeiros (Foto: Europa Press)
photo_camera Cartóns de leite á venda nun estabelecemento de Mercadona. (Foto: Europa Press)

Unións Agrarias (UUAA) organizará diferentes mobilizacións ante os centros da cadea de supermercados Mercadona que operan na Galiza en protesta contra a política comercial da compañía, que busca, aseguraron, "manter artificialmente baixos" os prezos do leite.

Nun comunicado remitido aos medios esta cuarta feira, UUAA acusa a empresa valenciana de "condicionar" as negociacións dos novos contratos de aprovisionamento.

A organización agraria, que lembra que Mercadona ten "30% do mercado lácteo español", considera que a compañía de supermercados mantén "conxelados" os prezos do leite para facer deste un "produto reclamo".

Neste senso, incide en que se trata dunha estratexia "artificial", dado que as explotacións lácteas deben facer fronte a un notábel incremento dos custos, con aumentos de case 70% na factura eléctrica ou de 39% en alimentación do gando no último ano.

Da mesma forma, subliña que Mercadona mantén eses prezos mentres outras cadeas repercutiron xa este incremento de custos no prezo do cartón, algo co que, segundo Unións Agrarias, pretende "mellorar a súa conta de resultados".

Para a organización agraria, a postura da compañía valenciana "pode contaxiar o resto das superficies comerciais" a caer na venda a perdas dun produto que se emprega como "gancho" nos supermercados "para enganar ao consumidor con promocións trucadas".

O leite peor pagado do Estado

O prezo do litro de leite que se pagou aos gandeiros e gandeiras galegas de media en xullo foi de 44,7 céntimos, o que supón un lixeiro incremento a respecto dos 43,1 céntimos de xuño, segundo os datos publicados a comezos de mes polo Ministerio de Agricultura.

A pesar da tendencia alcista, cun incremento no último ano de máis de dez céntimos, o prezo que se paga na Galiza cronifícase como o máis baixo do Estado español, sen conseguir abandonar ese posto durante os últimos anos. É a mesma cantidade que a recibida en Castela-A Mancha.

Comentarios