Unións Agrarias convoca unha manifestación contra o uso do leite "como produto reclamo"

Será o 19 deste mes na Coruña.

sectordoleite
photo_camera sectordoleite

O sindicato Unións Agrarias (UU.AA.) chamou á mobilización das e dos gandeiros galegos do sector lácteo a vindeira terza feira, 19 de febreiro, fronte á Delegación do Goberno na Coruña, contra o uso do leite "como produto reclamo" por parte das distribuidoras.

Así o anunciou en rolda de prensa o secretario xeral de UU.AA., Roberto García, quen explicou que estas protestas coincidirán coas últimas convocadas polos agricultores de Murcia e Granada e puxo o foco nos prezos "que non cobren custos de produción".

No caso da Galiza, lembrou as protestas protagonizadas polos gandeiros e gandeiras de leite do 2015 e lamentou que "catro anos e medio despois" aínda se dea  "a mesma situación" de 'dumping' malia o acordo asinado entón. Así, criticou a pouca "transparencia" da industria do sector e evidenciou que as cadeas distribuidoras "seguen usando" o leite como produto reclamo "para gañar consumidores e non compradores".

"Seguen con prezos de hai cinco anos, a 56 céntimos o litro. Esas mesmas cadeas que uns quilómetros despois, en Francia, un país excedentario, ten o prezo a 73 céntimos", insistiu García, para despois urxir a convocatoria da mesa do acordo lácteo.

E é que, tal e como explicou o secretario xeral de UU.AA., mentres a produción supón un gasto de 32 céntimos por litro para as e os gandeiros, a industria "imponlles" un prezo de compra ao redor dos 30 céntimos: "E se non asinas, dinche que xa non che compran máis".

No entanto, a ese "problema" hai que sumar custos adicionais como os danos provocados por xabarís nas terras e as 600.000 hectáreas que hai que "pór en disposición para abaratar os custos".

Ademais, Roberto García reclamou que "se fagan públicos" os prezos polos que a industria ofrece o litro de leite aos distribuidores finais, xa que "hai elos que están a vender a perdas" e o consumidor "non pode pagar" esta ineficiencia.

Comentarios