DEBATE 2X5 NO SERMOS248

Unión Europea e euro, solución ou problema?

A Unión Europea como modelo e o euro como a súa chave de bóveda, a debate. A nova entrega da sección 5x2, que Sermos Galiza impulsa para conmemorar o seu V aniversario, reúne Manuel Mera, director da Fundación Moncho Reboiras, e Julio Torrado, deputado do PSdeG; para debullar esta cuestión. Publicamos un avanzo.

debate

Sermos Galiza. A crise favoreceu pór na mesa o debate sobre o papel da Unión Europea e do euro. Que radiografía fariades no momento actual do UE e o euro após estes anos de gran recesión?

Manuel Mera. O resultado da crise é malo: aumenta a desigualdade social e a desigualdade entre territorios, esténdese enormemente a precariedade, hai dúbidas sobre o que vai pasar coas pensións, hai unha fiscalidade máis regresiva. Hai unha enorme concentración e centralización do capital. Mais a pregunta é, rematou a crise? Eu teño as miñas dúbidas.

5Julio Torrado. A UE é un proxecto no que se destacou sempre o positivo, que o ten, mais nestes anos evidenciáronse as costuras. Os problemas de Europa mostráronse nunha situación como esta, de crise profunda. Unha crise cun problema engadido: non é que se saia, senón como se está a saír. Temos un problema de desigualdade brutal. Ben, estas costuras da UE amosan que a pesar dunha suposta unidade de Europa ao final, á hora de resolver os problemas, non hai tal. Asistimos a unha competición brutal no seo de Europa entre uns Estados e outros, e aí está o problema. O positivo era a idea xeral de países cun proxecto común e ao final non é así e ao chegar os problemas ficou en evidencia a fractura e a debilidade do sistema europeo, que precisa aínda moita construción.

SG. Son, logo, a UE e o euro parte da solución ou parte do problema?

Mera. Para min o euro é parte do problema. A UE está construída en base aos intereses das clases dominantes de Alemaña, as grandes corporacións e poderes, que crearon uns mecanismos de control sobre o conxunto de Europa. Non é o mesmo o período inicial da UE, con políticas máis amábeis e onde se precisaba desenvolver certas infraestruturas e actividades produtivas para que se engarcen cos intereses económicos centroeuropeos; que o de agora. Un dos principais mecanismos de control é o arancelario, coas políticas macroeconómicas comúns. Favorecendo importación e exportación de determinados produtos.

O seguinte paso foi o euro, que regula toda a actividade económica. Non é casual a flexibilidade cuantitativa nestes anos, coa finalidade de salvar a banca, nomeadamente a alemá e francesa, moi expostas.

[Podes ler o debate íntegro no Sermos Galiza 248, á venda na loxa e nos quiosques e puntos de venda habituais]

Comentarios