Unicamente Galiza e A Rioxa medrarán en 2019 por baixo da media española

O Centro de Predición Económica (Ceprede) prevé que o crecemento económico galego sexa de 1,8%. A media de incremento no Estado é de 2,3%.

industria

O Centro de Predición Económica (Ceprede) publicou a súa previsión de medre do PIB dos diferentes territorios do Estado español para 2019 e Galiza non sae ben parada. O noso país é, canda A Rioxa, os únicos territorios que segundo estas proxeccións terá neste ano un medre inferior á media española, que é de 2,3%.

Galiza medrará por baixo de 2%. En concreto, o seu Produto interior bruto aumentará 1,8%. Para realizar estas predicións, o Ceprede (un centro permanente de investigación económica que naceu do traballo de profesores universitarios e fundacións universidade-empresa de varios territorios, entre elas a Feuga galega) ten en conta quince indicadores da actividade económica: desde a produción industrial ao consumo de combustíbeis, de matriculacións a exportacións, afiliación á Seguridade Social ou mesmo as pernoctacións. 

Os dados amosan que Galiza e A Rioxa se sitúan á cola do incremento. Mentres, no outro extremo hai seis territorios no Estado que van medrar máis que a media española. Murcia continúa situándose como a rexión máis dinámica en 2019, cun avance previsto de 2,8%. Aragón (2,6%), Madrid (2,6%), Andalucía (2,5%), Baleares (2,5%) e Cataluña (2,4%) completan ese cupo de territorios que medran por riba de 2,3%.

Para Asturies e Castela-A Mancha, Ceprede prevé un medre igual ao da media estatal.

Comentarios