martes 28/09/21

Unicaja, Liberbank e Sabadell animan o novo baile de fusións

Oficina de Liberbank na Coruña (Foto: Xoán Roberes).
Oficina de Liberbank na Coruña (Foto: Xoán Roberes).

Tan só unhas semanas após que Bankia e Caixabank anunciaren a súa fusión, o resto de actores do sistema bancario español comezan a mover ficha. Os últimos en confirmar negociacións son dous vellos coñecidos, Unicaja e Liberbank, que xa recoñecen abertamente a existencia de conversas "preliminares" para integrar os seus negocios. 

Non é a primeira vez que o intentan. Ambas as entidades xa estiveron en conversacións para acometer unha fusión, pero os consellos de administración decidiron en maio de 2019 non continuar co proceso ao resultar imposíbel alcanzar un acordo sobre a ecuación de troco.

Apareceu entón en escena Abanca, intentando unha operación corporativa con Liberbank que non prosperou.

De momento non se fala do banco galego, mais si dunha das entidades con quen se lle relacionou nos últimos meses, o Sabadell

O banco presidido por Josep Oliu estaría a analizar diferentes opcións de consolidación coa condición de que incrementen e maximicen a creación de valor, segundo fontes financeiras. 

A entidade contratou Goldman Sachs para explorar distintas opcións estratéxicas, que poderían ir desde unha fusión a unha desinversión. No marco deste proceso, Sabadell podería contactar xa con BBVA Kuxabank para estudar unha fusión, segundo adiantou El Confidencial.

Kutxabank saíu ao paso destas informacións e afirmou que nestes momentos non está a negociar ningunha operación corporativa con outras entidades, aínda que é unha opción que non descarta, sempre que sexa interesante e achegue valor. Fontes de Kutxabank precisaron que conversan continuamente con outras entidades financeiras e bancos de investimento que se poñen en contacto con  Kutxabank para falar do sector.

Todos estes movementos non son inesperados. O sector bancario español desencadeou unha nova onda de consolidación buscando mellorar a súa rendibilidade ante a contorna de baixos tipos de interese e a crise do coronavirus.

De feito, o Banco Central Europeo intensificou nos últimos meses os seus chamamentos a que os bancos da zona euro acometan fusións tanto a nivel doméstico como  transnacional para tratar de resolver os problemas de baixa rendibilidade que arrastra o sector.

comentarios