venres 29.05.2020

Unha PAC que non serve ao agro galego

O actual rural galego non se pode entender sen o que nel provocou a PAC, a Política Agrícola Común, ferramenta da Unión Europea que transformou o tecido socioeconómico do agro galego e cuxo impacto mantense na actualidade. A proposta de reforma da PAC presentada pola Comisión europea -con importantes recortes nos fondos- xera preocupación e inquedanza. Esperanzas, poucas.  Eis un extracto da reportaxe publicada no número 297 de Sermos Galiza.

Unha PAC que non serve ao agro galego

4A PAC, Política Agrícola Común, é un dos tanques da Unión Europea. Por dotación económica - proponse 350.000 millóns de euros para o período 2021/2027- e pola importancia do tema ao que afecta: o agro. Na Galiza hai nesta campaña 33.000 persoas preceptoras da PAC. Son case 200 millóns de euros de axudas os que se reparten no noso país, cantidade afastada da que perceben outros territorios do Estado español, como Andalucía. Ou como Extremadura, Castilla-León e Castilla-La Mancha, embora ter estes tres territorios -e así o acredita o censo agrario- menos traballo agrícola que Galiza. E isto é así porque a PAC responde a uns criterios e baremos nos que Galiza sae prexudicada.

“A PAC é un mecanismo discriminatorio para Galiza a respecto doutras zonas”, sostén Bernardo Valdês, profesor de Economía Aplicada na Universidade de Santiago e que ten analizado polo miúdo a política agrícola comunitaria e o seu impacto no noso país. Criterios que permiten, explica pondo un exemplo, que nas axudas á produción vexetal prime a extensión ou que non sexa necesario desenvolver case actividade nas mesmas. Isto favorece os grandes cultivos de zonas como ambas as dúas castelas.

[Podes ler a reportaxe íntegra no número 297 de Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]

comentarios