Unha maré solidaria exixe en Pontevedra unha solución xusta ao calote das preferentes

Milleiros percorreron as rúas de Pontevedra, convocados polo Concello, para demandar a devolución do 100% dos aforros aos afectados polas preferentes. “Non ao saqueo”

preferentes pontevedra
photo_camera preferentes pontevedra

Unha nutrida manifestación percorreu nesta sexta Pontevedra para exixir unha solución xusta e rápida para os milleiros de galegos e galegas afectados polo calote das preferentes. Unha mobilización que, convocada polo Concello de Pontevedra, avogou de maneira firme pola anulación do decreto das quitas aprobado polo goberno do PP.

Na manifestación tomaron parte afectad@s de diferentes comarcas do país, desde o Rosal a Barbanza, pasando por Compostela ou A Coruña. Mais tamén centos de cidadáns dacidade do Lérez e doutras localidades galegas que quixeron expresar e xeito claro e rotundo o seu rexeitamento ao que se ten calificado por parte do goberno local pontevedrés, presidido polo nacionalista Fernández Lores, como “un saqueo”.

Na manifestación tomaron parte afectad@s de diferentes comarcas do país, desde o Rosal a Barbanza, pasando por Compostela ou A Coruña, así como centos de cidadáns

O rexedor foi, de feito, o encargado de intervir no remate da mobilización, un discurso moi aplaudido polos e polas participantes na mobilización.

Cómpre lembrar que Fernández Lores, sinalara que a decisión de convocar esta manifestación prodúcese após a Secretaría de Estado de Economía ter cancelado de xeito unilateral e sen maiores explicacións a xuntanza acordada para o 13 de maio co Concello de Pontevedra. Lores cualificou esta cancelación como unha “medida inaudita” coa que non se topou nos 14 anos que leva á fronte do Concello. Aliás, entende que supón unha “falta de respecto” por parte do goberno español para cos milleiros de afectad@s polas preferentes. “Non se atreven a dar a cara”.

O Decreto das quitas debe ser anulado

O portavoz nacional do BNG, Xavier Vence, estivo presente na mobilización. Vence afirma que os Gobernos do PP, “sexa central ou o da Xunta, participan dun auténtico espolio a miles de pequenos aforradores mentras dan azos aos especuladores e aos tiburóns financeiros”, e preguntouse “que castigo recibiu a banca, unha banca á que se lle agasalla con millóns de euros que pagamos todos e todas a cambio de nada: practican quitas aos preferentistas, abusos como as cláusulas solo das hipotecas, non dan crédito ás familias nen aos autónomos, e desaloxan á xente das súas casas”. Nese sentido, demanda a derogación do Decreto das quitas.

Para Vence “só a movilización masiva de toda a sociedade, como a que onte protagonizou a comunidade educativa contra a LOMCE, pode parar unhas políticas destructivas e que só benefician aos poderosos en contra das maiorías sociais”.

Comentarios