Unha manifestación reclamará o 14 o pago aos mariñeiros do caladoiro mauritano as axudas pactadas

Só 20 dos máis do cento de mariñeiros afectados cobrarán as axudas en decembro. O incumprimento do compromiso adoptado levou os afectados a intensificaren as mobilizacións, que terán o seu cume en Marín, o 14 de decembro, cunha manifestación
Concentración en Marin en apoio á flota
photo_camera Concentración en Marin en apoio á flota

Marín volverá, máis unha vez nestes últimos meses, acoller unha manifestación en apoio aos mariñeiros galegos do caladoiro mauritano, frota que foi expulsada a principios do verán por un convenio da UE co país norteafricano. Máis de 20 buques galegos se viron afectados pola decisión. O feito de que só 20 dos máis do cento de mariñeiros desa frota vaian cobrar en decembro as axudas comprometidas está na base da decisión de convocar unha manifestación o 14 de decembro a partir das 20:30 horas.

O responsábel de Mar da CIG, Xabier Aboi, sinalaba esta semana que os mariñeiros recibiron confirmación de que tan só 20 deles cobrarán as axudas pactadas entre os días 10 e 20 de decembro, entrementres o groso dos afectados (máis de cen persoas) terá que agardar até o mes de xaneiro para acceder ás prestacións. Neste sentido, Aboi lembrou que o compromiso do goberno español pasaba por pagar as contías acordadas ao conxunto dos mariñeiros e armadores antes de fin de ano.

Marxinación

Mariñeiros, armadores e CIG defenden que non hai razóns, "alén da incompetencia da Xunta e Madrid", que xustifiquen que os cefalopodeiros galegos non deban pescar nesas augas.

Neste sentido, desde a central nacionalista afírmouse que os argumentos de tipo biolóxico non son válidos. "Se fose así, que hai escasez de recursos, non entrarían os barcos chineses a substituir os galegos". Para alén disto, nestes dous últimos anos "houbo moi boas capturas, de bo tamaño e cun bo prezo".

Comentarios