Unha lei do transporte que prexudicará a 45.000 pequenos transportistas e autónomos

BNG rexeitou no Congreso español unha lei que “se enmarca na liña liberalizadora e avanza no camiño da desregulación dun sector importante para a economía".
Camións de transporte (Foto: Nós Diario).

O BNG presentou no Congreso español unha emenda á totalidade ao proxecto do Ministerio de Fomento de modificación da Lei de Ordenación dos Transportes terrestres. Para a parlamentar nacionalista, Rosana Pérez, o proxecto de lei "enmárcase na liña liberalizadora" e avanza "no camiño da desregulación dun sector importante para a economía. Aprofundan na liña de flexibilización de requisitos para o exercicio da actividade de transporte por estrada".

"Introdúcense normas que favorecerán ás grandes empresas multinacionais, vinculadas a operadores loxísticos en perxuizo dos milleiros de pequenos transportistas e autónomos”

Esta lei fixa o estabelecemento dunha nova regulación para o transporte lixeiro, e que segundo denuncian asociacións do sector "vai prexudicar a 45.000 transportistas que traballan no sector”. Denuncian desde a fronte nacionalista que a exención de acreditar requisitos sobre a capacidade económica e capacitación profesional, “vai provocar a entrada de competencia allea ao sector”.

Polo tanto, sinala Rosana Pérez, e “baixo o pretexto da liberalización, vanse introducir normas que favorecerán ás grandes empresas multinacionais, vinculadas a operadores loxísticos en perxuizo dos milleiros de pequenos transportistas e autónomos”.

Ademáis, resalta, vai conlevar un relaxo nos controis administrativos relacionados coa seguridade cando se deberían reforzar.

Comentarios