Unha concentración da CIG exixe perante a Xunta que NGB se manteña como banca pública

Delegad@s da central nacionalista na entidade financeira exixen solucións inmediatas para Novagalicia Banco que garanta a súa viabilidade e o mantemento dos 6.000 postos de traballo
Delegad@s da CIG ante san Caetano
photo_camera Delegad@s da CIG ante san Caetano

Delegad@s de Novagalicia Banco, do Banco Gallego (entidade participada) e das empresas auxiliares (HP, Unicom e CISER) concentráronse diante do edificio administrativo da Xunta de Galiza, en Compostela, para demandar unha solución inmediata para NCG, que garanta a viabilidade futura da entidade e o mantemento dos 6.000 postos de traballo -directos e indirectos- que están en xogo. Responsabilizan da devaluación da entidade tanto a gran banca, como o presidente da Xunta, e consideran que esa solución debe vir por manter á entidade como banca pública.

A CIG-Banca aposta porque esa solución, reiteran, veña pola creación dunha banca pública. Entende que se hai que inxectar miles de millóns de euros para salvar bancos privados, “o lóxico é que eses miles de millóns de euros sexan para nacionalizar as entidades, converténdoas en banca pública”, explica Clodomiro Montero, secretario nacional de CIG-Banca.

Desde que NCG Banco foi nacionalizada, en setembro do ano pasado, houbo un proceso progresivo de degradación derivado, segundo Montero, “dunha mala xestión”. Isto provocou que a situación da entidade, a día de hoxe, sexa “obxectivamente peor que hai un ano”.

Manter este impasse, coa entidade nacionalizada e á espera do que se decida, está provocando a súa devaluación. Montero lembra que se hai un ano o seu valor era, segundo se anunciou publicamente, de 180 millóns de euros, hoxe estase falando dunha depreciación e que a entidade poida ser subastada por un euro.

A máis interesada en que isto siga así é, segundo Montero, a grande banca “por un mero interese lucrativo e porque o que se está conseguindo é que cada vez a súa devaluación sexa maior”. De feito, sinala que a propia dirección da entidade acaba de recoñecer que se perderon 2.000 millóns de euros en depósitos, en beneficio precisamente desa gran banca.

Xunto a isto, hai unha creba de confianza en gran parte da clientela, provocada pola colocación de produtos complexos, como as participacións preferentes e obrigas subordinadas, ás que non se lle deu solución e ás que o secretario nacional de CIG-Banca considera que non se lle vai dar “mentres non se defina cal vai ser o futuro da entidade”. Por iso, afirma “estamos nunha situación de emerxencia” e por iso tamén exixe a adopción inmediata de decisións, “polo ben da clientela e polo ben dos traballadores e traballadoras”.

Responsabilidade de Feijóo

Alén das ansias lucrativas da gran banca, Montero apunta directamente o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, como co-responsábel desta dilación, porque foi quen impulsou a fusión “obrigatoria e continuista”, que se efectuou o 1 de decembro de 2010 e quen, ao tempo, impulsou a operación Castellano. Unha operación que cualifica de “temporal e disuasoria” e que tería como único obxectivo “gañar tempo”.

Comentarios