Un xulgado da Coruña ampara unha empresa que recortou 700€ nos salarios sen previo aviso

Remocsa, concesionaria dos servizos do Club Financeiro, que ten entre @s soci@s os empresarios máis ricos do País, eliminou da nómina d@s traballador@s un plus de incentivos sen a pertinente comunicación motivada, por escrito e con 15 días de adianto, como estabelece a lei. A xustiza ampara a empresa e admite a nómina como notificación


O Xulgado do Social número 3 da Coruña considerou válida unha nómina como medio para comunicar a modificación substancial das condicións de traballo. Así o reflicte a sentenza que vén de ditar este tribunal en relación á demanda presentada por un empregado de Remocsa, a concesionaria dos servizos do Club Financeiro.

A empresa decidiu retirar o plus de incentivos que o cadro de persoal viña cobrando desde sempre. A medida foi comunicada de maneira verbal pola dirección de Remocsa, quen nunca chegou a facer unha notificación motivada e por escrito entregada con 15 días de antelación, tal e como exixe a lei. Após comprobar as súas nóminas denunciaron a medida pois nalgúns salarios supón unha tallada de 700 euros menos ao mes.

Porén, o xulgado do Social 3 da Coruña, nunha resolución que CIG-Servizos cualifica de "inaudita" e de "atropelo", interpreta que non é preceptiva a mencionada comunicación por escrito. Abonda con que a empresa entregue unha nómina a final de mes para dar por notificados os cambios nas condicións laborais do cadro de persoal cando se refiren a cuestións salariais.

Contra a sentenza ditada non cabe presentar recurso. CIG-Servizos ironiza co panorama denunciado polo traballador: a empresa que ofrece servizos a un club que ten entre @s soci@s os empresarios máis ricos do País recorta os salarios d@s operari@s en até 700 euros cada mes e a xustiza dálle a razón.

Comentarios