Análise

Un PIB mal medido

A necesidade de deseñar adecuadamente os conceitos económicos que se meden no PIB.
O PIB mide o que mede de acordo co deseño feito en economías normalizadas, industrializadas e de raigame estatística fonda. (Foto: Europa Press).
photo_camera O PIB mede o que mede de acordo co deseño feito en economías normalizadas, industrializadas e de raigame estatística fonda (Foto: Europa Press).

As consecuencias económicas e políticas dun PIB mal calibrado van máis alá dunha simples cuestión estatística. É decisivo que a política económica autonómica e de relación co Estado parta dunha definición galega dos contidos estatísticos do seu PIB.

Hai un primeiro labor político que é pre-estatístico, xa que identificar e/ou recoñecer mal as fontes de creación de riqueza e, consecuentemente, as da natureza e expansión da pobreza, da nosa economía, implica errar en medidas de política económica. É o mesmo que observar a realidade exterior cuns lentes desfocadas.

A marca de obxectivos, o deseño de medidas fiscais, laborais, de educación/formación..., é dicer, as de actuación pública arredor da vida dos cidadáns, levan na base, ou son respaldadas, por unha cifra de PIB inicial, e tamén poden expresar ano a ano a tendencia de crecemento.
Así mesmo, os estatísticos que meden o impacto de actividades económicas a través das medidas do arrastre industrial, da influencia nas cadeas de valor asociadas ás actividades económicas analisadas... toman como ponto de partida ou referencia o quantum do PIB calculado por sectores de actividade.

Esta primeira aproximación pode ter sido a única para calcular ratios de participación en orzamentos estatais, en orzamentos e medidas de compensación da UE, en marca de dereitos de acceso a determinadas subvencións e axudas de tipo internacional e tamén no acceso a programas de crecemento en función de novos investimentos privados. Mesmo mede a potencialidade económica asociada á marca de país en investigación e desenvolvemento, polo que o destino de fondos para innovación terá acollida certa en economías que amosan unha robusta capacidade potencial de expansión.

Tal e como temos observado anteriormente, o PIB mede o que mede de acordo co deseño feito en economías normalizadas, industrializadas e de raigame estatística fonda.

Na nosa, hai un labor político previo a tomar medidas de política económica, que é deseñar adecuadamente os conceitos económicos que se meden no PIB, elaborar no órgao estatístico autonómico os rubros da nosa economía: construír axustadamente a definición de PIB en Galiza e, a partir de aí, contar co instrumento acaído a todo o labor de goberno que implique toma de decisións económicas.

Comentarios