Un estudo do Ministerio de Facenda prevé unha rebaixa do 45% nas pensións d@s futur@s xubilad@s

O informe alerta da xeración de importantes bolsas de pobreza entre @s pensionistas de se retallaren as pensións

O Goberno español prepara máis unha reforma das pensións en aras, din, de garantir "a sostibilidade" destas. Até o momento as mudanzas aprobadas polos sucesivos executivos suporán --segundo se tira do estudo publicado-- unha queda de 3.000 euros anuais (15%) na pensión media percibida pol@s futur@s xubilad@s.

Porén, o IEF asegura que aínda así a ampliación da idade de xubilacións (aos 67 anos) e o aumento de 15 a 25 anos o período de cotización a ter en conta para o cálculo, non afastarán máis que "tres ou catro anos" a quebra do sistema de pensións. A perda de afiliad@s á Seguridade Social e o avellentamento da poboación sitúanse entre as causas desa distorsión.

Neste senso, a Comisión parlamentar para a reforma do 'Pacto de Toledo' baralla diversas posibilidades para compensar a redución dos ingresos --por mor da queda do número de afiliad@s á Seguridade Social-- co aumento de pensionistas. Todas elas, no entanto, pasan por unha redución dos pagamentos que nas análises "máis realistas", afirma o estudo, suporían unha diminución de até o 45% na contía media das pensións. 

En calquera dos casos, apunta o propio Instituto de Estudos Ficais, a reforma a adoptar polo executivo de Mariano Rajoy suporía a xeración de importantes bolsas de pobreza entre @s xubilad@s. 

Comentarios