Un de cada tres fogares non poden permitirse nin o mínimo gasto ‘extra’

Un informe oficial revela que o 31% das familias galegas nin logrou aforrar nin tampouco investiu en lecer ou compras ‘extra’ de roupa e alimentación

Xente nunha céntrica rúa de Vigo. (Foto: Europa Press)
photo_camera Xente nunha céntrica rúa de Vigo

Disque Deus aperta mais non afoga. A crise, porén, semella levar camiño de non ter esa ‘indulxencia’. Aos datos de desemprego (superior xa ao 20%) e redución de ingresos, recortes en servizos básicos ou precarización, hai que engadir o que é unha consecuencia lóxica, como é mudanza radical de hábitos por parte das familias.

Un estudo oficial da administración autonómica (feito con inquéritos e sondaxes do IGE) vén de concluír que o 31,5 por cento dos fogares da Galiza non se permitiron ningún ‘extra’ nos últimos meses. E que se entende por ‘extra’?. O propio estudo clarifica o concepto: Considérase como extra os gastos destinados a vacacións ou viaxes, mais tamén a facer frente a imprevistos ou grandes compras, extras de alimentación, roupa ou calzado, saír a cear, ir ao cinema... Tamén se inclúe poder aforrar, traballar menos horas ou deixar de traballar algún membro do fogar.

Non poder facer frente a recibos de ‘obrigado cumprimento’

Os informes do IGE correspondentes ao primeiro trimestre deste ano indican que perto dun sete por cento das familias galegas tiveron nese período algún retraso no pagamento de recibos de obrigado cumprimento (hipoteca, aluguer da vivenda principal,…).

De cada 100 fogares da Galiza, hai 41 que recoñecen chegar a fin de mes con dificultade, mentres que 7 din facelo con “moita dificultade”. Son o 48%, xa que logo, dos existentes no País. En 2010, e sempre cos datos dos estudos do IGE, os fogares galegos que dicían ter dificultades para cumprir co mes era o 58%, 10 puntos máis que a comezos deste ano.

Comentarios