Un de cada catro fogares galegos vive xa só cos ingresos procedentes de prestacións

Os datos do Instituto Galego de Estatística (IGE) confirman o empobrecemento a pasos de xigante da cidadanía. Milleiros de fogares sobreviven xa só cos cartos de pensións d@s maiores

vivendas baleiras

Non son datos dunha ONG ou entidade de loita contra a pobreza. Son os datos manexados polo Instituto Galego de Estadística (IGE) procedentes da súa Enquisa de Condicións de Vida. E son unhas cifras nas que se evidencia o empobrecemento a pasos de xigante da cidadanía galega.

Segundo estes datos, no 28% dos fogares de Galiza só entran ingresos procedentes de prestacións (desemprego, xubilación, viuvez,...).Ningún outro ingreso para estas familias. E, aliás, nun escenario no que a tendencia é recortar e restrinxir cada vez máis as prestacións. A provincia de Ourense (cun 35%) é a que máis fogares ten nesta situación. Na de Lugo é o 29%, na de Pontevedra o 27,5 e na Coruña o 26,15.

Un de cada tres

O IGE salienta que nun de cada tres fogares do país os ingresos procedentes de prestacións supoñen o 75% dos ingresos. E nun 42% é a metade (o cincuenta por cento) dos cartos que entran nese fogar.

Así pois, cuestións como as pensións (que na Galiza son as máis baixas do Estado) están a termar de non poucas familias. Igual acontece cos ingresos por desemprego.

Segundo a recente enquisa do Instituto Galego de Estatística  do primeiro trimestre de 2013 perto do dez por cen das familias galegas teñen que botar man desta vía para poder 'saír para adiante': pagar facturas, comprar comida, facer fronte a hipoteca, cumprir cos custos do día a día... De feito, e segundo os propios datos do IGE, as familias nesta situación aumentaron nun 100% nestes tres anos de crise aguda. Se no primeiro trimestre de 2013 era un 5 por cento os fogares galegos que tiñan que optar por esta vía; nos tres primeiros meses do presente exercicio, esa porcentaxe ronda o 10%.

Comentarios