Un ano de reforma laboral: 37.000 parad@s e 20.000 fogares máis sen ninguén traballando

Un ano após a entrada en vigor da reforma laboral o escenario que esta deixa en Galiza é devastador: 37.000 persoas desempregadas máis, 20.000 fogares máis con todos os seus membros no paro, o desemprego xuvenil disparouse nun 10%...
Reforma laboral, máis desemprego
photo_camera Reforma laboral, máis desemprego

Hai un ano entraba en vigor a reforma laboral do goberno de Mariano Rajoy. Unha reforma que, sostiña o executivo central, co apoio de Bruxelas e máis da patronal, ía favorecer unha serie de cambios no constrinxido mercado laboral que facilitaría a contratación e a creación de emprego. Doce meses despois, destas palabras e promesas nada queda, e os propios datos oficiais debuxan un escenario totalmente contrario ao que predecía Rajoy.

Na Galiza hai agora 37.000 persoas desempregadas máis que antes da entrada en vigor da reforma laboral. A taxa de desemprego aumentou desde entón en tres puntos e xa supera o 21%. Aliás, xa son máis de 90.000 os fogares galegos onde non traballa ningún dos seus membros, 20.000 máis que hai un ano.

Sen cobertura

O número de desempregad@s que xa non perceben ningunha axuda pública aumentou en 20.000 persoas. Un terzo d@s parad@s galeg@s levan máis de dous anos sen emprego. Outro dato: Só nos seis primeiros meses de entrada en vigor desta reforma, Os EREs non pactados disparáronse nun 317 por cento.

Ademáis destas cifras, a reforma laboral tamén tivo, e ten, outras consecuencias prexudicais, como sinalan os sindicatos. Entre estas, o baleirado de dereito das relacións laboais ou ben os ataques á negociación colectiva.

Poñer fin á negociación colectiva

Este último punto, a negociación colectiva, é fulcral para as centrais. Así, desde CIG, CCOO e UGT sinalan que se abre a porta á prevalencia dos convenios de empresa sobre os colectivos, ou ben que se limita a 1 ano a prórroga que tiñan os convenios colectivos unha vez vencían e durante a cal seguían vixentes. "Agora, con que a patronal se negue a negociar e espere un ano, xa pode poñer as condicións que queira aos traballadores".

O secretario xeral da CIG ten manifestado que este tipo de medidas teñen como finalidade lograr reducir os salarios dos e das traballadoras do sector privado entre un 20 e un 25 por cento, "porque queren facer competitiva a economía española baseándose na precariedade".

Comentarios