UGT e CC.OO. asinan coa patronal do comercio da Coruña unha conxelación salarial de dous anos

A CIG denuncia o proceder dos outros dous sindicatos asgurando que tomaron a decisión de maneira unilateral e sen sometela á asemblea ''cando tiñamos acordado debater calquera postura antes de nos pronunciar: vendéronnos''.

marineda_dentro
photo_camera Protesto en Marineda City [Imaxes: Amaía]


Os sindicatos CC.OO. e UGT asinaron esta sexta feira un acordo coa patronal do comercio vario na Coruña polo que se aplicará unha conxelación salarial os vindeiros dous anos. Segundo o pacto, en 2013 a suba nos soldos será do 0%, fixándose no 1% para 2014 e 2015.

"Vendéronnos á patronal", denuncia Carmiña Madeiro, traballadora de Zara e axente sindical da CIG. Foi ela quen asistiu á xuntanza e sentou a negociar con representantes das empresas do comercio vario, que agrupa téxtil, calzado, multiprezos, material eléctrico, óptica e construción. Madeiro denuncia que as tres centrais sindicais tiñan decidido que calquera posicionamento se debatería en asemblea antes de asinar acordo ningún, mais as centrais españolas terían vulnerado tal decisión.

"Tiñamos mobilizados todos os traballadores do sector e a xornada de folga convocada para o 29 de novembro", quéixase Madeiro, quen informa de que a acción de protesta desta sexta no centro comercial das Cancelas, en Compostela, ficou cancelada. Hai xustamente unha semana, o día 15, outra acción realizada no centro comercial Marineda City, na Coruña, saldouse cun notábel éxito de seguimento. 

O que reclamaban @s traballador@s era un plus para as grandes cadeas "xa que o pequeno comercio tiña dificultades" para aplicar o convenio colectivo. Isto é, que firmas como Inditex, Cortefield, Mango ou H&M, entre outras, "pagasen máis" namentres o pequeno comercio ficaría coas condicións laborais do ano pasado.

O convenio expirara en xullo e os tres sindicatos denunciaran que a patronal o deixara caducar de maneira deliberada para minguar os dereitos da clase obreira, que ficaba amparada polos dereitos básicos contidos no Estatuto d@s Traballador@s, provocando unha caída do poder adquisitivo e "un retroceso de corenta anos" nas condicións laborais.

Comentarios