A UE recorta a 1% a previsión de crecemento do Estado

O comisario de Economía da UE, Paolo Gentilon, asegura que a economía estatal medraría 4,5% este ano.
O comisario de Economía da UE, Paolo Gentiloni (Foto: Bogdan Hoyaux / Comisión Europea).
photo_camera O comisario de Economía da UE, Paolo Gentiloni (Foto: Bogdan Hoyaux / Comisión Europea).

A Comisión Europea calcula que a economía do Estado español medrará en 4,5% neste ano, medio punto porcentual por enriba da previsión do verán, mentres que a previsión de crecemento descende a 1% para 2023 e repunta a 2% para 2024. Son os datos que fixo públicos onte o comisario de Economía, Paolo Gentiloni

Porén, tamén sinalou que o Estado español salvaría a recesión técnica que afectaría o resto da Unión Europea (UE) ao evitar que o crecemento do Produto Interno Bruto (PIB) se contraia durante dous trimestres consecutivos, quedando en 0% no primeiro trimestre de 2023.

Da mesma maneira, aumenta a previsión de repunta da inflación do Estado español até 8,5% para o presente exercicio, fronte a 8,1% estimado en xullo, mais prevé unha redución de até 4,8% para 2023 e de 2,3% para 2024.

Esta cifra sitúase, con todo, por baixo do 9,3% do prognóstico comunitario de inflación, que se prevé que descenda até un 7% en toda a Unión Europea para 2023 e até un 3% en 2024. Gentiloni asegurou en relación á recesión técnica que “será xeneralizada en todos os compoñentes da demanda, mais tamén en todos os países, e a maioría dos Estados membros experimentarán dous trimestres consecutivos de contracción". 

Desaceleración do crecemento para 2023

En canto á economía do Estado español, o comisario afirmou que se prevé que esta experimente unha desaceleración do crecemento o próximo ano.

Ademais, agarda que as presións derivadas dos altos prezos da enerxía diminúan parcialmente a partir de mediados de 2023, o que permitirá unha repunta paulatina da actividade pola moderada reactivación do consumo privado e unha maior normalización do turismo. 

Para 2024, prevé que esta expansión sexa máis forte, tamén grazas á reactivación da demanda interna e externa e que o PIB real medre 4,5% en 2022, antes de reducirse a 1,0% en 2023, e subir a 2,0% en 2024.

A actualización das previsións económicas de Bruxelas apunta a un aumento do PIB do Estado español a 4,5% en 2022, medio punto porcentual por encima do prognóstico presentado o pasado xullo, mais 2,2 puntos porcentuais por baixo das previsións de primavera, cando se situaba en 6,3%.

Comentarios