O turismo rural aposta pola sostibilidade e rexeita o alugueiro privado de vivendas

Crean a Asociación de Turismo Sostíbel da Galiza para velar polos intereses do sector. Denuncian a competencia do alugueiro particular de vivendas turísticas no rural e a falta de diálogo coa Xunta da Galiza. 

 

A Casa do Morcego, unha morada de labranza construída en 1880 e restaurada para turismo rural, forma parte da asociación (Casa do Morcego).
photo_camera A Casa do Morcego, unha morada de labranza construída en 1880 e restaurada para turismo rural, é parte na asociación (Foto: Casa do Morcego).

"Non se valora abondo o noso traballo por parte da Xunta". Así de contundente é o voceiro dunha nova entidade que reúne propietarias e propietarios de casas de turismo rural que denuncian a proliferación do alugueiro de vivendas particulares nos mesmos municipios onde traballan. 

José Picallo, voceiro da acabada de crear Asociación de Turismo Sostíbel da Galiza, explica a Nós Diario que a idea de facer unha entidade para defender os seus intereses xurdiu o ano pasado, cando se reuniron por vez primeira e conseguiron frear a eliminación do programa Outonos Gastronómicos, que desde Turismo da Galiza pretendían suspender, despois de 14 edicións, en 2020. "Conseguimos que mudaran de idea unindo forzas, polo que nos animamos a seguir", relata este hostaleiro. O seguinte paso foi unha reunión co presidente do Clúster de Turismo, Cesáreo Pardal, a finais de xuño do ano pasado na que se acordou ter unha xuntanza coa Consellaría que, a día de hoxe, non tivo lugar.  

"Consideramos que a Xunta da Galiza presume en medios de comunicación e feiras do turismo rural galego, mais non está dando os pasos que deberían darse para a defensa do mesmo", afirma Picallo. 

Esta mesma semana decidiron darlle pulo á asociación e enviaron unha proposta de adhesión coas súas demandas a todas as casas de turismo rural galegas. A resposta superou as expectativas e consolida esta nova organización. "En 24 horas contestaron unhas cincuenta e agardamos que aumente o interese nos vindeiros días", asegura. 

A competencia do alugueiro particular 

A problemática de alugueiro de vivendas para uso turístico tamén se está a dar no rural galego e o sector profesional considera que é prexudicial para eles. "Era un segredo a voces entre todas e todos", asegura este profesional do aloxamento, "ten a súa semellanza co que acontece nas cidades galegas, tendo en conta que mudou a forma de reservar e mesmo de viaxar", engade. 

Desde esta asociación non están en contra deste novo modelo, mais piden "máis profesionalidade" para non danar a imaxe que se creou na Galiza. 

"Ten que haber un control dos aloxamentos que hai no rural e teñen que intervir tamén os concellos", demanda Picallo. Asume que ese tipo de vivendas paga a súa cota, mais "hai un baleiro legal que moitos aproveitan". Para argumentar a súa postura desde esta asociación informan de que das 16.000 prazas hoteleiras que hai na Galiza "un total de 12.000 estarían ofertadas por vivendas de uso turístico, delas algo máis de 10.000 son de particulares".

Este tipo de aloxamentos proliferan, segundo Picallo, por saírlles máis a conta "como na propia recollida do lixo, na que nós temos que pagar igual que un restaurante". 

Outra das súas preocupacións, e un dos puntos centrais da asociación, é a sostibilidade no funcionamento do turismo galego no rural. "Non falamos só do tema ambiental, tamén hai unha preocupación económica e de benestar social", polo que desde a asociación sinalan que "hai que buscar un equilibrio que cubra as necesidades do sector e non prexudique as necesidades de xeracións futuras".

Comentarios