Tui retirará máis de 2 millóns de euros de NGB se o banco non devolve os cartos @s preferentistas

O pleno tudense aprobou por unanimidade a moción que dá tres meses de prazo á entidade para reparar o calote. De non o facer, o Concello retirará os cartos que ten en contas e depósitos de Novagalicia Banco.

O Concello de Tui retirará os perto de 2.300.000 euros que ten en contas e depósitos en Novagalicia Banco se esta entidade, nun prazo máximo de 90 días, non devolve @s preferentistas os cartos. Este é o acordo adoptado por unanimidade polo pleno tudense nesta segunda feira, segundo informa La Voz de Galicia.

Nun salón de plenos ateigado pola presenza de estafad@s polas preferentes e emigrantes retornad@s, os diferentes grupos municipais mostraron o seu apoio ás demandas e reivindicacións destes dous colectivos.

Moisés Rodríguez, alcalde de Tui, comprometeuse por escrito a cumprir co compromiso plenario “ao día seguinte de que expiren os tres meses” se non se devolve o diñeiro “a todos os aforradores”.


 

Comentarios