O TTIP pon na picota as denominacións de produtos galegos

Estados Unidos considera que son trabas para o libre comercio e o acordo que se negocia entre EUA e Unión Europea afectaría estas identificacións que recoñecen e protexen produtos galegos como o viño, queixos, o mexillón ou o pemento. 

STOP TTIP

Estados Unidos non gosta das denominacións de orixe. Considera que son trabas e impedimentos ao libre comercio e que non deben ter papel algún no mercado competitivo e globalizado. Unha denominación de orixe (DO) implica que o produto só pode ser producido nasquelas áreas tradicionalmente asociadas ao mesmo. Ao igual que as indicacións xeográficas (IG), están recoñecidas no acordo de 1994 de dereitos de propiedade relacionados co comercio (Adpic). Mais Estados Unidos non os recoñece oficialmente. E esa posición é a que quer plasmar o TTIP, o acordo transatlántico que negocian con grandes doses de secretismo EUA e UE. Unha posición que podería liquidar mesmo as DOP (denominación de orixe protexida) que concede a Unión Europea e que goza, por exemplo, o mexillón de Galiza. Un sector que representa por volta de dez mil empregos directos. Bruxelas quer salvar da queima un reducido número de DOP. Mais semella que nin así. Os lobbies estadounidenses, como volveron denunciar recentemente diferentes colectivos e ONGs, néganse a esa petición comunitaria de que, polo menos, algúns produtos con DOP poidan manter ese selo.

Non son poucos os que dan por feito de que de se aprobar o TTIP, este poría na picota as perto de trinta denominacións de orixe de Galiza. Selos de calidade e recoñecemento que no noso país amparan desde o viño (Rías Baixas, Ribeiro, Monterrei, Ribeira Sacra, Valdeorras) até o queixo (Tetilla, Arzúa, San Simón da Costa ou Cebreiro), pasando por legumes, mel, augardentes, pataca ou pementos. Produtos que xeran ducias de miles de postos de traballo directos, indirectos e inducidos. O TTIP poría fin as denominacións e o seu amparo e poderíase atopar un, como teñen denunciado colectivos, ““na súa tenda queixo de Arzúa producido en Wisconsin, viño do Ribeiro de California,...”.

Concellos na defensa do seu tecido económico

Este impacto negativo e prexudicial do TTIP está a ser advertido por algúns concellos galegos, conscientes das repercusións do acordo na súa economía local. Así, Rianxo aprobou recentemente se declarar concello contrario ao TTIP alegando que este acordo supón que “sectores chave da economía local de Rianxo como é a produción mexilloeira serían afectados coa supresión de controis ás importacións, o que supón se cabe aínda máis facilidades aos produtos foráneos que terían as portas abertas competindo en desigualdade”.

Comentarios