O TTIP, unha arma para as transnacionais

As filtracións na imprensa internacional dalgúns dos documentos de traballo empregados nas roldas de negociación reflicten o poder que concentrarán os lobbies das corporacións sitas a ambas marxes do Atlántico.

unnamed

O segredismo co que se están a desenvolver as roldas de negociación entre as delegacións da Unión Europea e os EUA só é rachado através de pequenas filtracións nas que se recollen bosquexos dos seus documentos de traballo. 

Neste senso, para alén das consecuencias económicas e laborais que devirán da entrada en vigor do TTIP, salienta o poder que concentrarán as empresas transnacionais e unha das súas ferramentas estrelas: os lobbies ou grupos de presión. 

Ferramentas como o Consello de Cooperación Regulatoria ou o ISDS elevarán a capacidade de presión das corporacións transnacionais fronte aos propios estados e a cidadania

De acordo coas informacións publicadas en portais de información como Corporate Europe Observatory ou o xornal Diagonal, as administracións estadounidense e comunitaria están a deseñar a creación de órgaos supra-estatais que rexerán as relacións comerciais entre ambas as dúas marxes do Atlántico. Ferramentas como o Consello de Cooperación Regulatoria ou o ISDS --tribunal para a resolución de conflitos entre inversores e estados-- elevarán a capacidade de presión das corporacións transnacionais fronte aos propios estados e a cidadania. Mais, que son? E, sobre todo, que consecuencias teñen?

A 'cooperación reguladora'

Desde os movementos xurdidos contra o TTIP definen a Cooperación Reguladora e, no concreto, o Consello que desta se deriva como un raposo ao coidado das galiñas. O obxectivo deste mecanismo é "harmonizar" as lexislacións europea e estadounidense naquelas materias previstas polo Tratado, como o comercio ou os investimentos. Para o que prevén "reducir a a regulación innecesaria" e "facilitar o comercio e o investimento" entre os dous bloques económicos (EUA-UE). 

Ora ben, de que maneira? Na actualidade o mercado estadounidense posúe un maior grao de liberalización que o comunitario, nomeadamente en cuestións como a comercialización de produtos transxénicos (OGM), seguridade alimentar ou mesmo estándares laborais. Por exemplo, a vixencia do denominado principio de precaución europeo impide o acceso ao mercado común de produtos que poidan supor un risco para a saúde das persoas (carne de vacún hormonada ou polo clorado, producidos nos EUA). 

A creación do Consello de Cooperación Reguladora outorgará ás empresas transnacionais a posibilidade de intervir sobre estes marcos lexislativos através dos grupos de presión (lobbies) pois, segundo os documentos filtrados, o Consello deberá reunirse --cando menos unha vez ao ano-- con eles para partillar opinións. Na actualidade, a maior parte dos "grupos e presión" ou "grupos de interese" que traballan en Bruxelas son propiedade das grandes corporacións transnacionais. O seu obxectivo é despregar a súa influencia nas institucións comunitarias para que promovan marcos lexislativos favorábeis aos intereses corporativos, como descubriu o documentario 'Os negocios de Bruxelas'. 

Aliás, "Calquera suxerencia concreta recibida dos grupos de interese", que tamén poderán achegar propostas no deseño desa cooperación reguladora, "deberá ser remitida á outra parte e recibir unha atención coidadosa polo grupo de traballo dese sector que deberá presentar recomendacións ao Consello" e "dar unha resposta por escrito" aos lobbies. 

Este protocolo outorga tempo aos grupos de presión para desenvolver o seu traballo: influír na decisión que finalmente se adopte. 

E se a lexislación contravés os intereses das corporacións transnacionais?

A 'chantaxe' do ISDS

O TTIP prevé a creación dun mecanismo para a resolución de conflitos entre "inversores" e estados semellante aos creados ao abeiro doutros tratados bilaterais como o NAFTA (EUA-Mexico-Canadá). Trátase de tribunais de "arbitraxe" aos que poden acudir as corporacións transnacionais para defender os seus intereses fronte a marcos normativos que lles son prexudiciais ou limitan a súa capacidade de negocio. 

Desde a década dos '90 este tipo de ferramentas incrementáronse en número coincidindo co proceso de globalización económica e coa expansión das políticas neoliberais. Neste senso, na actualidade cífranse en 2.811. 

Actualmente existen 2.811 mecanismos para a resolución de controversias entre inversores e estados

Nas negociacións do TTIP defínese como ISDS e a el só poden acudir as empresas como demandantes. Así pois, os estados unicamente acuden para se defender. Un dos casos máis recentes --rematado en 2012-- foi o que atinxiu a República de Eslovaquia e a aseguradora holandesa Achmea. A transnacional demandou o estado eslovaco após iniciar o goberno un proceso lexislativo para reverter a privatización da sanidade. Achmea denunciou os prexuízos económicos que suporía a perda dese nicho de mercado xerido através da súa filial no país. 

O tribunal (ITA) determinou que Eslovaquia debería pagar 29,5 millóns de euros en concepto de indemnización e costas a Achmea. Unha cifra equivalente ao orzamento anual do país para sanidade. 

As voces máis críticas denuncian a "chantaxe" que estes mecanismos supoñen para os gobernos pois o risco --e custe-- de perder estes procesos xudiciais condiciona a capacidade lexislativa dos mesmos. Até o de agora, só Arxentina se negou a pagar algunhas das condenas se ben, é o país máis denunciado do mundo. Outros territorios como Bolivia, Ecuador ou Venezuela abandonaron estes mecanismos e deixaron de renovar os tratados bilaterais que asinaran, nomeadamente cos EUA. 

Comentarios