Trinta mil persoas exixen en Ferrol solucións para o naval

A multitudinaria manifestación desafiou o mao tempo para defender un sector que se sente desamparado polos gobernos galego e español
Mobilización do sector naval en Ferrol
photo_camera Mobilización do sector naval en Ferrol

Trinta mil persoas saíron á rúa (segundo a cifra dada pola Policía Local) para defenderen o sector naval de Ferrolterra e exixir dos gobernos español e galego unha implicación que garanta carga de traballo para Navantia e industrias auxiliares.

A multitudinaria mobilización decorreu polas rúas de Ferrol, desafiando o vento e a chuvia, nunha masiva resposta da cidadanía á convocatoria dos sindicatos, apoiada por organizacións políticas, ente elas o BNG, cuxo candidato Francisco Jorquera estivo presente na marcha.

Os e as manifestantes percorreron as rúas céntricas da cidade para finalizar na Praza de Armas, onde o actor ferrolán Javier Gutiérrez deu lectura a un manifesto no que se sinalaba que “só pedimos que nos deixen traballar, e facer aquilo que sabemos e podemos, na construción naval e nos sectores civil e militar”.

A falta de carga de traballo paira sobre o naval ferrolán e ameaza con traducirse en numerosos despedimentos tras o verán, como denuncian os sindicatos. Neste sentido, xa perto de 1.000 operarios perderon o traballo nos últimos meses.

Xornada de loita o 28

A CIG vai realizar unha xornada de loita contra a "dramática situación" económica e laboral que padece a comarca o vindeiro xoves 28 de xuño. A xornada de loita incluirá a convocatoria dunha folga parcial, entre as 09:00 e ás 14:00 horas, marchas de traballadores/as dende os polígonos de Río do Pozo e Vilar do Colo e unha manifestación central que percorrerá as rúas de Ferrol a partir das 12:30 horas.

Foto de portada: @isidorovalerio

Comentarios