O trienio dun conselleiro, o duplo que o seu grupo funcionarial de referencia

San Caetano, edificios administrativos da Xunta
photo_camera San Caetano, edificios administrativos da Xunta

O sector da Administración autonómica de CCOO critica que os trienios dos conselleiros sexan o duplo dos correspondentes aos grupos funcionariais de referencia. Un funcionario ou funcionaria do grupo A1 precisaría vinte trienios, isto é, sesenta anos de vida laboral para que a súa nómina anual aumentase nos dez mil euros adicionais que percibe, por exemplo, a conselleira de Infraestruturas.

O coordinador sectorial do sindicato, Emilio Doforno,  censura que a diferenza retributiva entre conselleiros sexa máis importante para os responsábeis da Xunta que o feito de que na función pública autonómica continúen existindo salarios de menos de mil euros líquidos. "É unha obscenidade facer das retribucións dos dirixentes un debate máis importante que a recuperación dos salarios recortados ao persoal público nos últimos anos", sentencia Doforno.

Desde CCOO defenden un acordo retributivo para todo o persoal funcionario e laboral, partindo dunha seguintes premisas, como o incremento adicional de 1 % da masa salarial para mellora de complementos; recuperación, mediante un acordo plurianual, do poder adquisitivo perdido nos últimos anos (14,1 %); ou derrogación da Lei 1/2012 e sucesivos recortes nas leis de orzamentos e de acompañamento.

Comentarios