O Tribunal da Unión Europea obriga á banca a devolver os gastos abusivos das hipotecas

Un xuíz non se pode negar a devolver os cartos cobrados de máis polas entidades financeiras agás no caso de que a lexislación estatal así o recolla. 
concentración bng hipotecas
photo_camera concentración bng hipotecas

O Tribunal de Xustiza da Unión Europea (TXUE) oponse a que un xuíz estatal negue ás clientas as cantidades pagadas pola constitución e cancelación da hipoteca, así como outros gastos hipotecarios incluídos nunha cláusula abusiva, salvo no caso de que así o estipule previamente a lexislación do estado membro.

O tribunal de Luxemburgo resolve así as cuestións prexudiciais remitidas por dous xulgados de primeira instancia de Mallorca e Ceuta para resolver os correspondentes litixios que enfrontaban ás persoas asinantes dos contratos de préstamo con garantía hipotecaria con Caixabank e BBVA, respectivamente.

En concreto, o TUE ha ditamina que a lexislación europea "oponse a que, no caso de nulidade dunha cláusula contractual abusiva que impón ao consumidor o pago da totalidade dos gastos de constitución e cancelación de hipoteca, o xuíz nacional negue ao consumidor a devolución das cantidades abonadas en virtude desta cláusula". Tamén engade que só se poderá cargar "a totalidade ou unha parte" dos gastos hipotecarios se así o estipulan "disposicións de Dereito nacional aplicábeis en defecto desa cláusula".

"Se estas disposicións fan recaer sobre a prestataria a totalidade ou unha parte destes gastos, a directiva non se opón a que se denegue ao consumidor a restitución da parte de ditos gastos que ela mesmo deba soportar", explica o TUE.

Con respecto ás comisións de apertura, o tribunal de Luxemburgo sinala que non están incluídas no concepto de "obxecto principal do contrato", polo que os xuíces están obrigados "a controlar o carácter claro e comprensíbel" das mesmas.

En terceiro lugar, a sentenza declara que unha cláusula que contempla o pagamento dunha comisión de apertura polas clientas "pode causar en detrimento do consumidor un desequilibrio importante entre os dereitos e obrigas das partes" no caso de que "a entidade financeira non demostre que esta comisión responde a servizos efectivamente prestados".

Finalmente o tribunal sinala que a directiva non se opón a que a reclamación do diñeiro cobrado teña prazo de prescrición, mais si a que o consumidor cargue cunha parte das costas procesais cando a cláusula é considerada abusiva.

Acouga anima a reclamar

A Asociación Galega de Consumidores e Usuarios (Acouga) anima ás persoas consumidoras a reclamar por vía xudicial a devolución dos gastos hipotecarios abusivos. O seu secretario xeral, Xoan Antón Pérez-Lema asegura que “xa non se repartirán os gastos notariais a 50% entre o consumidor e a entidade financeira”, senón que estas deberán asumir 100% dos gastos de rexistro e de xestoría.

Ademais, Pérez-Lema afirma que na maior parte dos casos “poderase obter a devolución da comisións de apertura” e, aínda que non se conceda a devolución de todos os gastos pedidos na demanda, o tribunal terá que condenar ao pagamento das custas procesuais (avogado e procurador, entre outras) ao banco.

Comentarios