Tres mil operarios do Naval e empregados públicos saen en Ferrol contra as políticas do PP

A concentración, fronte á Casa do Concello, uniu a traballadores do naval e da administración para criticar os recortes de Xunta e Madrid e demandar solucións para os estaleiros da comarca

Esta quinta feira, a tradicional concentración de empregad@s públic@s contra os recortes dos gobernos do PP na Galiza e España contou coa presenza e a apoio en Ferrol de operarios do sector naval, que demandan a construción do dique flotante e unha solución para os estaleiros da comarca. Pola volta de 3.000 persoas concentráronse diante da Casa do Concello ferrolá.

O comité de empresa de Navantia mantén o seu peche neste concello, un acto co que procuran que as administracións se comprometan en garantir carga de traballo para o naval. O convenio con Pemex (construción dun buque hotel en Ferrol e outro en Vigo) non é, sinalan, solución algunha pois só implicará uns 400 postos de traballo en cada estaleiro, cifra moi lonxe dos 3.000 anunciados pola Xunta.

Coa concentración unitaria, ambos colectivos (operarios do naval e empregados públicos) puxeron sobre a mesa as consecuencias que cada un deles está a sofrer por mor das políticas dos gobernos do Partido Popular.

Comentarios