Os transportistas valoran retomar o paro en xullo pola suba dos combustíbeis

A Plataforma en Defensa do Transporte, o colectivo que liderou os paros que derivaron en desabastecementos en marzo estuda un novo paro a partir de 30 de xuño se non hai unha lei contra os portes a perdas este mesmo mes.
Unha persoa reposta gasóleo no seu camión nunha estación de servizo o pasado 1 de abril, o día que comezaron as bonificacións. (Foto: Raúl Fraile / Europa Press).
photo_camera Unha persoa reposta gasóleo no seu camión nunha estación de servizo o pasado 1 de abril, o día que comezaron as bonificacións. (Foto: Raúl Fraile / Europa Press).

O prezo dos combustíbeis parece non querer tocar teito. Xa é imposíbel atopar unha estación de servizo na Galiza que comercialice o gasóleo por baixo dos 2 euros o litro, un prezo que deixa xa sen efecto o desconto de 20 céntimos por litro aprobado polo Goberno español o pasado 1 de abril, unha medida pendente de ser prorrogada.

Esta situación pasa factura á economía das familias, que ven como cada mes que pasa perden máis poder adquisitivo, mais tamén ás das empresas e profesionais daqueles sectores no que o combustíbel é o principal custo da súa actividade. 

Este é o caso dos transportistas que, segundo confirmaron fontes do sector a Nós Diario, estudan retomar as mobilizacións de principios de ano para protestar contra a continua suba dos combustíbeis que, como denuncian, failles "inviábel" traballar, até o punto de que lles compensa ter os camións parados. 

A Plataforma en Defensa do Transporte, o colectivo que liderou os paros que derivaron en desabastecementos en marzo estuda un novo paro a partir de 30 de xuño se non hai unha lei contra os portes a perdas este mesmo mes. Ademais, nesta ocasión pretenden que non sexa só de camións.

Reactivación do paro

Realmente, como explicou o presidente da Plataforma en Defensa do Transporte, Manuel Hernández, trataríase de "reactivar" o paro estatal indefinido que se suspendeu o 2 de abril e ao que agora chama a sumarse a outros sectores castigados pola suba dos combustíbeis, sen especificar de cales se trataría.
"Se o 30 de xuño non está activada a lei á que se comprometeron [o Goberno español] para erradicar a contratación a perdas nos servizos de transporte, a plataforma vai reactivar o paro", advertiu Hernández, que reclama a promulgación dunha lei que impida que os camións roden por baixo dos custos.

Porén, quéixase de non ter recibido información do Ministerio de Transportes sobre o avance do trámite legal, ao tempo que critica que o  departamento que dirixe Raquel Sánchez "segue a xuntarse coas persoas equivocadas", en referencia á patronal.

A cuestión, como daquela, é que non todas as asociacións apoian as protestas. En declaracións a este xornal, o presidente da Federación Galega de Transporte de Mercadorías (Fegatramer), Ramón Alonso, sinalou que os que deberían estar máis preocupados pola suba do combustíbel "son os que pagan os portes", pois é a eles a quen teñen que repercutir as subas os transportistas. 

Con todo, recoñece que a alza dos prezos "é un problema gravísimo", mais dubida de que a fixación de prezos mínimos, como propón Facua, "sexa unha medida legal e efectiva".  

Amarre da frota

Outra situación que evoca á crise de marzo é o amarre da frota pesqueira nos portos galegos. O alto prezo do gasóleo está a obrigar moitas embarcacións a non saír faenar, segundo alerta o presidente da Federación Nacional de Confrarías e patrón maior de Burela, Basilio Otero.

Otero cualificou de "insostíbel" a situación, polo que xa estudan medidas excepcionais, como facer unha compra conxunta de gasóleo para as confrarías.

Un problema maior para as empresas no corte da A-6

Un aspecto sobre o que chaman a atención os transportistas galegos é que, sumado ao grave problema do incremento dos prezos do combustíbel, o recente derrubamento dun viaduto na autovía A-6, que une o norte do país coa meseta ibérica, e o feche da circulación na mesma para saír da Galiza é un problema "se cabe máis preocupante" para o sector.

Como relatan, a desviación do tráfico pola antiga N-VI, unha medida que o Estado prevé levantar en cuestión dun mes, está a ampliar nunha hora as viaxes, que xa se estaban a ver prexudicadas polos traballos no vial, con desvíos e retencións desde hai máis dun ano. Agora, segundo denuncian, a alternativa da nacional xera máis problemas, pois impide, por exemplo, a circulación de transportes especiais, que precisan unhas determinadas características das vías. 

Comentarios