Transportes di a Bruxelas que incluirá peaxes nas autovías

O Ministerio de Transportes recoñece a posibilidade de introducir o pagamento nas autovías para sufragar o seu mantemento, aínda que a fórmula está aínda pendente de decidir.
O presidente Feixoo e o ministro Ábalos o pasado 9 de abril en Compostela (Foto: Álvaro Ballesteros / Europa Press).
photo_camera O presidente Feixoo e o ministro Ábalos o pasado 9 de abril en Compostela (Foto: Álvaro Ballesteros / Europa Press).

O Goberno incluíu no plan de recuperación que remitirá a Bruxelas antes do próximo 30 de abril a posibilidade de introducir peaxes na rede de autovías co obxectivo de garantir os fondos necesarios para a conservación da rede de estradas.

En concreto, entre as medidas prometidas polo Executivo de Pedro Sánchez a Bruxelas no marco da recepción de 140.000 millóns de euros dos fondos europeos atópase a revisión do financiamento das autovías para estabelecer un sistema de ingresos. "Revisarase o financiamento das vías de alta capacidade e estabelecerase un sistema de ingresos que garanta os fondos necesarios para a conservación da rede viaria estatal", sinala nun dos seus puntos o denominado Plan de recuperación, transformación e resiliencia.

Desta maneira, o Goberno español pretende reducir o déficit nesta partida (7.500 millóns de euros a feche de 2019), provocado en parte polo levantamento das peaxes que fixo gratuítos varios tramos das principais vías estatais, coa conseguinte diminución de ingresos e fondos para acometer obras nas estradas.

Segundo os cálculos da patronal Seopan, o déficit anual xerado pola reversión das autoestradas alcanza case os 1.000 millóns de euros, debido á perda de recadación fiscal e ao aumento do gasto de conservación.

O texto que o Goberno español remitirá á Comisión Europea volve referirse máis adiante ao seu plan: "É preciso desenvolver un sistema de pagamento por uso da rede de vías de alta capacidade que permita cubrir os custos de mantemento e integrar as externalidades negativas do transporte por estrada como sucede no resto de infraestruturas".

En varias ocasións, o ministro de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, José Luis Ábalos, abriu a porta a esta posibilidade, aínda que descartando o pagamento por parte da cidadanía que necesite transitar por elas por motivos de traballo ou outro tipo de necesidades.

Pola contra, podería introducir un sistema para que sexan as actividades económicas que se benefician da infraestrutura pública ─empresas ás que a circulación polas autovías as fai ser máis competitivas─ as que carguen co seu mantemento.

Con todo, Moncloa insistiu en varias ocasións que calquera cambio neste sentido terá que contar co consenso económico, político e social suficiente. 

Comentarios