O transporte denuncia intrusionismo, pide control e harmonización fiscal

Fracasada a reunión entre o sector e o Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, todo apunta a que terá lugar a folga a partir da noite do 19 de decembro. Algunhas fontes aseguran que podería ser indefinida até que se resolvan as demandas do ramo.
Varios camións agardando nunha central loxística de transporte (Alberto Ortega / Europa Press).
photo_camera Varios camións agardando nunha central loxística de transporte (Foto: Alberto Ortega / Europa Press)

O sector do transporte por estrada está decidido a premer o acelerador das súas reivindicacións no momento máis delicado do ano: a semana anterior ao Nadal. A xuntanza entre o Comité Nacional do Transporte por Estrada (CNTC) coa Secretaria de Estado, Isabel Pardo, co fin de valorar o documento de traballo remitido desde o Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana (MITMA) non respondeu as peticións do ramo que mantén a convocatoria do paro anunciado para a noite do día 19 de decembro e que, segundo algunhas fontes, podería ter un carácter indefinido. 

O presidente da Asociación Coruñesa de Empresarios do Transporte, Antonio Señoris, explica que as reivindicacións que presentaron son de 2019 "aínda que veñen de lonxe". É o caso do control da carga e descarga, a harmonización fiscal e o intrusionismo. Outras foron introducíndose nos últimos anos, como é o caso da tarificación das autovías ou o empeoramento das condicións de traballo como consecuencia da chegada en 2020 da pandemia da Covid-19 e as súas consecuencias. 

Demandas irrenunciábeis

A principal demanda ten que ver coa tarificación das autovías, unha medida que as e os tranportistas consideran que non contou co consenso efectivo na mesa de traballo. "Non se pode poñer un canon dunha infraestrutura que non está conservada en condicións", indica Señaris a Nós Diario, e lembra que xa se invisten 19.000 millóns de euros a través da taxa dos hidrocarburos, "tres veces máis do que se precisa para   o seu mantemento", engade.

Alén diso, demandan modificar a Lei de Contratos de Transportes en varios puntos. Un deles é o relacionado coa carga e descarga. "Cada día dexeneran máis os cargadores e descargadores que deixan esa responsabilidade ao transportista" cando, afirma Señaris, "é responsabilidade do cliente e non nosa". 

Outra das demandas é a busca dunha harmonización fiscal. "Pedimos que as e os profesionais do transporte, sexan persoas xurídicas ou autónomas, teñan as mesmas condicións de cara a Administración", e pon como exemplo que algunha gran empresa, a través dunha sociedade de investimento de capital variábel (Sicav), "só paga un 1% dos impostos cando unha sociedade limitada abona un 25% e un autónomo chega ao 45%".

Outro problema que consideran "grave" é o intrusionismo. Denuncian que hai empresas que "empregan a fórmula dunha cooperativa de traballo social ou mesmo operadoras que tributan en países do leste ou en países con menor imposición fiscal", unha circunstancia que lles facilita contar con prezos moito máis competitivos que os  que poidan proporcionar as empresas galegas. “Ademais, en materia laboral funcionan con convenios colectivos diferentes e moito menos restritivos”, engade. Para atallar este tema solicitan a apertura dunha caixa de correo específica onde poder denunciar estas prácticas. 

Por último, "co aumento de surtos é imprescindíbel que se habiliten áreas de descanso vixiadas e seguras onde poidamos pasar a noite" e non ter que continuar parando en polígonos, fábricas ou nas rúas.

O transporte non é o culpábel do aumento dos prezos 

O aumento do combustíbel, un dos maiores apartados de gasto no transporte por estrada, é un dos maiores problemas aos que se enfronta este sector pola imposibilidade de repercutilo no cliente final. "Non somos capaces de facelo por ser o elo máis feble da cadea loxística", afirma Antonio Señaris. Aínda así, algunhas marcas sinalan cara este ramo como o responsábel da alza nos prezos.

"O 'tetra brik' de leite subiu 8 céntimos alegando que é culpa nosa", exemplifica Señaris, "cando aínda que lle incrementemos 1.000 euros nunha viaxe até Barcelona, levando 24.000 o aumento sería de menos de medio céntimo". Ao seu entender o relato que se difunde "en realidade é unha presión que exercen catro grandes operadoras que dominan o 60% do mercado estatal con prácticas mafiosas".

Comentarios