Análise

A transición enerxética e o vulnerable acceso aos recursos estratéxicos

A Profesora Economía Aplicada da USC Rosa Mª Regueiro Ferreira prosegue co ciclo de análises de Nós Diario.
O cobalto é un material esencial na fabricación de maquinaria industrial e das tecnoloxías da comunicación. (Foto: Nós Diario)
photo_camera O cobalto é un material esencial na fabricación de maquinaria industrial e das tecnoloxías da comunicación. (Foto: Nós Diario)

Dende os anos 70 do século XX, a discusión sobre os límites físicos do sistema económico acadou unha relevancia especial. Naquel momento, a crise do petróleo puxo de manifesto os problemas derivados da gran dependencia dos combustibles fósiles, tanto pola súa dispoñibilidade limitada como pola concentración das reservas en poucos países produtores. Posteriormente, a constatación dos efectos do cambio climático revelou a necesidade inaprazable dunha transición enerxética como obxectivo prioritario, no que as enerxías renovables terían un papel fundamental, cando menos, como fontes complementarias na produción de electricidade. E agora, os efectos da pandemia da Covid-19 e da guerra en Ucraína volven poñer a atención sobre os perigos derivados da dependencia enerxética, das materias primas e dos materiais, nunha contorna extremadamente convulsa e na que as tensións xeopolíticas estratéxicas parecen marcan as regras do xogo. 

Neste novo paradigma, as enerxías verdes non teñen o problema de escaseza das fósiles e o seu desenvolvemento debería mostrar efectos positivos, incluso sobre a redución do consumo material. Pero as tecnoloxías renovables precisan de minerais e recursos para a súa fabricación, e cómpre coñecer a súa dispoñibilidade e localización xeográfica para que este proceso de transición poida dispor do que precisa.

A produción mundial de "terras raras" foi de 280.000 toneladas en 2021, con China, Estados Unidos, Birmania e Australia como principais países produtores

Para mostra un botón, e elementos como as "terras raras", o litio, o níquel, o cobalto, entre outros, emerxen como actores principais do cambio.  As "terras raras" son un conxunto de elementos químicos, algúns en situación crítica por reducida dispoñibilidade, claves no desenvolvemento da vida cotiá, habituais nos procesos industrias (motores eléctricos, imáns, aleacións metálicas espaciais, cristais láser, fabricación de gafas de protección industrial, filtros infravermellos, discos duros, sensores, refino de petróleo, fibras ópticas, etc.). Como dato, cómpre apuntar que a produción mundial de terras raras foi de 280.000 toneladas en 2021, sendo China, Estados Unidos, Birmania e Australia os principais países produtores.  

O litio é outro material crítico para a transición enerxética, determinante para as baterías. As maiores reservas están localizadas en Arxentina, Bolivia e Chile, sendo Australia o maior produtor. Cómpre sinalar que Estados Unidos é un dos cinco países con maiores reservas deste elemento, pero cobre máis do 85% da súa demanda importándoo de Chile e Arxentina. 

Relevante o papel do cobalto, gran protagonista na fabricación de maquinaria industrial e das tecnoloxías da comunicación. As maiores reservas están na República Democrática do Congo, primeiro produtor seguido de Rusia. E o grafito, usado nos eléctrodos, rodamentos, xuntas, lapis, ladrillos. China e Brasil lideran a súa produción. Nada desprezábel é o protagonismo do níquel, que está presente na obtención de aceiro inoxidable, na industria aeroespacial e de compoñentes para a enerxía eólica e fotovoltaica, figurando Indonesia, Filipinas e Rusia, como principais países produtores.

China, India e Rusia son os principais produtores mundiais, acaparando China a metade da produción

En paralelo, a resistencia á corrosión, a condutividade eléctrica e a capacidade de reciclaxe do aluminio, sitúan este material no epicentro do proceso de transición. Cómpre recordar que China, India e Rusia son os principais produtores mundiais, acaparando China a metade da produción. Finalmente, o zinc ou spelter destaca polas súas propiedades de axente anticorrosivo, nas aleacións e na fabricación de baterías. China, Perú e México lideran a súa produción.

Con este panorama, a necesidade de acordos e dunha eficiente fontanería institucional parece evidente. Cando menos cómpre destacar que, a dependencia externa dos países membros da Unión Europea en termos destes materiais estratéxicos resulta digna de consideración. Porque a factura por dispor destes elementos pode ter un alto valor, non só polas cantidades que se demanden, senón tamén polos disparatados prezos que se acaden. 

Non debe resultar estraño que, cando aínda nos estabamos recuperando da crise sistémica de 2008, autores como Hastik et al, Kemp-Benedict ou Kan et al insistían en que estabamos asistindo a un anticipo dos problemas de escaseza que podían ameazar a economía mundial nas próximas décadas. E que só podería mudar tal situación se a forma en que se produce e consume enerxía se modificase considerablemente. Será suficiente con iso?

Comentarios