Trafigura, candidata a facerse con Alcoa, fai caixa coa venda de Matsa

Trafigura, a firma de capital suízo e con sede en Singapur candidata a facerse coa planta de Alcoa en San Cibrao, vén de facer caixa coa venda da súa participación na firma Minas Aguas Teñidas (Matsa), que contaba con tres proxectos mineiros en explotación en Huelva para a obtención de cobre e cinc.
Vista das instalacións da onubense Matsa, cuxa compra está pendente da autorización do Goberno estatal e Competencia (Foto: Europa Press).
photo_camera Vista das instalacións da onubense Matsa, cuxa compra está pendente da autorización do Goberno estatal e Competencia (Foto: Europa Press).

A menos dun mes para que o Supremo se pronuncie sobre o recurso da empresa á decisión do Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG) de anular o despedimento colectivo en San Cibrao e cunha folga do persoal á volta da esquina, Alcoa segue sen mover ficha para aclarar o seu futuro na Mariña.

A pesar de que a compañía afirmou estar disposta a vender a planta de aluminio a un terceiro, cousa que os tribunais mesmo puxeron en dúbida acusándoa de "mala fe", o certo é que desde hai máis dun ano non houbo avances significativos no proceso. Porén, hai empresas que agardan a que Alcoa se decida a dar o paso. 

Esta mesma semana, a ministra de Industria, Reyes Maroto, lembraba que catro firmas industriais manteñen o seu interese por poxar pola factoría galega, máis sen dar nomes. 

En todas as quinielas figuran os de Liberty House, a firma británica que xa intentara comprar o complexo de San Cibrao hai máis dun ano, e Trafigura, un fondo de capital suízo con sede en Singapur que xa ten intereses na Galiza, pois é o máximo accionista de Atalaya Mining, a firma que está detrás do polémico proxecto da mina de Touro.

Músculo financeiro

No caso de que finalmente se produza a venda, algo que vai depender en certa medida do pronunciamento do Supremo, a empresa que se faga coas instalacións vai ter que facer un forte investimento para actualizar a planta e poñela a pleno rendemento, pois Alcoa, en todo este tempo que leva anunciando a súa marcha do país, non fixo máis investimentos que os necesarios para que a planta puidese seguir operando con certa normalidade. 

Neste senso, Liberty House pasou apuros hai uns meses pola quebra da financeira Greensill Capital, que mesmo lle levou a pedir o rescate ao Goberno británico

Caso distinto é o de Trafigura, que onte anunciou un acordo para vender á australiana Sandfire a firma Minas Aguas Teñidas (Matsa), firma con tres proxectos mineiros en explotación en Huelva para a extracción de cobre e cinc. 

A operación fechouse por un importe de 1.865 millóns de dólares (uns 1.589 millóns de euros ao cambio), que se repartirán a partes iguais os dous accionistas de Matsa, Trafigura e o fondo soberano de Abu Dabi Mubadala Investment Company.

Plusvalías millonarias

Un dos motivos deste alto prezo e o valor dos minerais no mercado. O cobre marca máximos históricos, con cotizacións por riba dos 1o.ooo dólares a tonelada a principios deste ano e que, pese a caer até os 9.000 dólares, revalorízase 40% desde mediados do pasado ano.

Segundo os datos de Bloomberg, ambas as empresas van facer caixa coa operación. Sirva como exemplo o caso de Mubadala, que pagou preto de 500 millóns de dólares hai cinco anos pola metade de Matsa e que agora vai levar case outro tanto coa venda da mineira onubense. 

Trafigura, que é unha das principais compañías comercializadoras de materias primas do mundo, tamén vai levar unha boa plusvalía, aínda que os altos prezos das materias primas xa contribúen bastante a engrosar as contas deste xigante internacional. 

Agora está por ver se a firma decide empregar eses cartos para presentar un ambicioso plan industrial para a planta de Alcoa en San Cibrao, como pide o Ministerio de Industria, xa que o importe de venda da planta non debería ser problema, xa que Alcoa estaba disposta a desfacerse dela por un euro sempre e cando quedase eximida de responsabilidades futuras. 

Sexa como for, cos petos ben cheos, Trafigura suma puntos para liderar un proxecto de futuro na Mariña que garanta os postos de traballo nunha comarca fortemente golpeada pola crise industrial na que está inmersa Galiza.

Comentarios