Reclaman que haxa un acordo rápido

Medio milleiro de persoas mobilízanse por Alcoa

A convocatoria xunta 500 traballadoras e traballadores que golpean o chan da praza do concello con cascos de GFG Alliance para chamar a atención sobre o que reivindican e co ánimo de "salvar" a factoría, cuxos donos se atopan en proceso de negociación para a súa venda á británica Liberty.
EuropaPress_3302501_asistentes_concentracion_trabajadores_alcoa_san_cibrao_viveiro_colocan
photo_camera Instantánea da mobilización desta mañá en Viveiro. / Carlos Castro

A organización da manifestación concibe este acto coma unha "reunión familiar", no actual contexto de medidas de seguridade para evitar a propagación da Covid-19 o comité de empresa pedía que se respectasen a distancia de seguridade e o uso de máscara.

O presidente do comité de empresa, Xosé Antonio Zan, explicou que o acto pretendía tamén lanzar a mensaxe aos gobernos de que o persoal traballador necesita que "sigan apostando" por eles. "Somos moi bos no que facemos", defendeu e pediu investimentos para seguir "demostrando" que son "produtivos e competitivos".

Zan referiuse á reunión que teñen prevista o vindeiro mércores ás 16,30 horas en Madrid con representantes de GFG Alliance, unha cita que esperan que marque "un antes e un despois" para a planta de San Cibrao. Os traballadores, engadiu, valoran a actitude do grupo británico de convocar aos representantes a un encontro presencial para dicirlles "á cara" que plans teñen.

Pola contra, o presidente do comité criticou a postura de Alcoa, que "non está a dar a cara" e á que lle pediu que non siga con "ameazas", en alusión ao comunicado da empresa difundido este sábado, no que acusaba a Liberty House de presentar demandas "non razoables". "Que non use aos traballadores. O que quere é pornos nerviosos para que forcemos a Alliance a ceder", sinalou e manifestou que son as dúas empresas "as que teñen que chegar a un acordo". Neste proceso, volveu a pedir o respaldo das administracións públicas.

A polémica con Liberty House

O comunicado ao que se refería Zan explicaba a proposta de transferir as instalacións por un euro, achegar 42 millóns de euros a "un fondo para o éxito futuro da planta" e formalizar un contrato para fornecer alumina durante cinco anos "en condicións estándar de mercado". A multinacional estadounidense indicaba que "catro días despois" da data límite establecida por GFG Alliance para chegar a un acordo sobre as condicións xerais da operación, a compañía británica "respondeu" con "maiores demandas" á proposta que estaba sobre a mesa e "sen mostrar ningún avance para unha transacción en termos comerciais razoábeis".

Liberty House exixe, segundo Alcoa, "opcións exclusivas para controlar a refinaría de alumina" que a empresa estadounidense ten tamén na Mariña e un contrato de subministración de por 20 anos "á marxe das prácticas comerciais actuais". Ademais, insisten, "négase a comprometer fondos propios" e, ás demandas xa expostas, engadiu a de contar cun "inventario de alumina de 90 días, cantidade que a planta non pode almacenar", por un valor duns 25 millóns de euros.

Comentarios