Os traballadores temporais son 26% do total mais sofren 42% dos sinistros laborais

As reformas laborais precarizaron o mercado de traballo.

Repsol simulacro emerxencias accidente sinistro

En 2018 perderon a vida en accidentes laborais 56 persoas en Galiza, un aumento a respecto das falecidas en 2017: 43.  A precariedade laboral está ligada a esta realidade. Un dato dun estudio de Comisións Obreiras na Galiza: 42% dos sinistros laborais sufríronas persoas traballadoras con contrato temporal -a poboación asalariada temporal representaba 26,6 % do total- . Así, Roi Fernández, responsábel de Saúde Laboral de Comisións, apuntou como as reformas laborais, coa súa precarización do mercado de traballo, tamén teñen responsabilidade na sinistralidade laboral.  

Outros dous factores para esta alta sinistralidade: a falta de traballo en prevención, o elevado peso que os sectores primarios —agricultura e pesca— aínda teñen na economía galega, e onde se rexistran a maior parte deses sinistros

Galiza está á cabeza do Estado español en índice de incidencia (número de accidentes por 100.000 traballadores) en sinistros laborais mortais. Duplicamos a media estatal no que é unha constatación máis do preocupante panorama que nos accidentes laborais rexistra Galiza. No Estado hai 3,24 sinistros mortais por cada 100.000 traballadoras. Na Galiza hai 6.05.

No que vai de década (2010-2018) morreron na Galiza en accidentes laborais perto de 500 traballadores e máis de 4.000 sufriron feridas de carácter grave. Nese período, o exercicio con máis vítimas mortais fora o 2010 (64 persoas falecidas).

Comentarios