Os traballadores do sector das ambulancias van á greve

O paro, convocado pola CIG, desenvolverase esta sexta feira e afecta a todo o persoal do transporte sanitario urxente e non urxente de Galiza.

ambulancias greve cig
photo_camera ambulancias greve cig

A CIG ten convocada unha xornada de folga no sector das ambulancias de Galiza para esta sexta feira en protesta pola parálise na negociación do convenio colectivo do transporte sanitario. Denuncian que a patronal non só non achega ningunha proposta, senón que se escuda na cuestión económica para “non mover nin unha coma do convenio”. Xesús Pastoriza, Secretario de Transportes da FGAMT-CIG, lembra que o pasado ano, o SERGAS adxudicou os lotes do transporte sanitario urxente e este agosto resolveu o non urxente “e practicamente todas as empresas gañaron con ofertas á baixa temerarias, algunhas ofrecendo até un 12% menos do prezo estipulado”.

Pastoriza tamén apuntou á responsabilidade da administración galega por tolerar que se presenten ofertas á baixas e adxudicar os contratos e este tipo de empresas, “cando sabe que logo tentarán trasladar esta rebaixa ás condicións do seu persoal”.

Xunto a isto, tanto Pastoriza como Néstor Torea, delegado da CIG no sector, denuncian a elevada atomización que se está a producir no sector, xa que para un mesmo contrato poden concorrer multitude de empresas distintas agrupadas nunha unión temporal, chegando a existir casos de UTEs integradas por seis compañías distintas para o mesmo contrato. Esta división, ademais, dificulta a coordinación do persoal (cada un dunha empresa distinta) e “polo tanto, tamén repercute na calidade do servizo que se presta aos usuarios e usuarias”.

Entre as demandas está a restrición do contrato de prácticas, a limitación no convenio da realización das horas extraordinarias ou a creación da terceira paga extraordinaria, ao igual que xa aparece recollido en boa parte dos convenios colectivos.


 

Comentarios