Traballadores da Xunta alertan do ERE encuberto que Feijóo prepara para empregad@s públic@s

A asemblea de traballadores e traballadoras dos servizos centrais da Xunta chama a "saír á rúa para que se oia a nosa voz" e facer fronte aos plans do PP que contemplarían incluso o despedimento de 1.500 empregad@s públic@s
O presidente da Xunta despois do Consello da Xunta

O salón de Presidencia da sede central da Xunta acolleu unha asemblea de traballadores e traballadoras, xuntanza para analizar e abordar a necesidade de dar resposta ao que califican de "contínuos ataques, recortes e tesoiradas" do goberno de Núñez Feijóo a este colectivo. Non se trata só, apuntan, das rebaixas salariais: "A perda de poder adquisitivo nestes anos foi de pola volta do 30%. Temos salarios a niveis de 2005", apuntan. Senón que hai moito máis en xogo: "Os orzamentos de 2013 preparan a privatización de servizos públicos, a eliminación de concursos e oferta pública". Estariamos, logo, ante o "desmantelamento" do público.

Nesta liña, desde os sindicatos sinálase que as contas autonómicas de 2013 "abren as portas" a un ERE encuberto que implicaría o despedimento de pola volta duns 1.500 interinos. Como? Mediante concursos de translados polos que funcionarios con praza ocuparán os postos até agora de interinos. E os e as interninas non terán oportunidade de optar a outra praza vacante.

Os sindicatos sinálase que as contas autonómicas de 2013 "abren as portas" a un ERE encuberto que implicaría o despedimento de pola volta duns 1.500 interinos

Nos Orzamentos deste ano "pasamos das 10.649 prazas de funcionarios no 2012 a tan só 9.496 no 2013 o que supón un recorte dun 11%. Os grupos máis afectados son o A2, cunha redución de case o 20% das prazas e o C1, con case o 12%. No caso do grupo C2, o recorte sería do 14% se se toman como referencia os dous últimos anos".

"Indignarse desde o optimismo para loitar"

Na asemblea de Compostela, realizada no marco de xuntanzas que se están a facer no resto do país, abordouse a necesidade de que as mobilizacións desta quinta feira sexan "masivas". Consideran que "abonda xa de aturar. É o momento de sair á rúa @s empregad@s públic@s e facer oir a nosa voz".

Nesta liña, contemplan que da mobilización e resposta que dé o colectivo dependerá en parte que o goberno do PP leve a cabo ou non as súas intencións e proxectos de recortes. "As cousas poden cambiarse, mais para iso hai que moverse. Debemos indignarnos desde o optimismo de que coa loita podemos conseguir cousas".

Comentarios