Análise

Os traballadores de Alcoa diante da hora da verdade

A oferta de Liberty House evidencia a viabilidade da factoría de aluminio de San Cibrao.
MANI ALCOA-105 arxina
photo_camera Mobilización do persoal de Alcoa (Arxina)

O acordo adoptado na última xuntanza da mesa de negociación entre a dirección de Alcoa e a representación sindical da factoría de San Cibrao non foi doado. A empresa negouse nas últimas reunións mantidas durante o período legal de consultas a aceptar a proposta finalmente asinada a pasada quinta feira en Santiago de Compostela, até o punto de que no encontro celebrado na terceira feira de 4 de agosto os representantes da multinacional negáronse a seguir negociando diante dunha oferta nestes mesmos termos por parte dos sindicatos.

O cambio de posición de Alcoa é resultado da mobilización e presión exercida polos traballadores e traballadoras diante da empresa e das administracións. “A compañía non sabe o que é negociar e as súas relacións coas institucións baséanse sempre na chantaxe”, sinala a Nós Diario un veterano dirixente socialista ligado durante anos á empresa quen recoñece  que “nesta ocasión a Xunta e o Goberno sentiron unha presión moi forte”. A consciencia respecto dos custes políticos de “deixar facer” a multinacional e non achegar solucións obrigaron finalmente ao Executivo español e ao galego a mover ficha. 

O papel dun e doutro Goberno ao longo do conflito segue xerando dúbidas. A proximidade da Xunta da Galiza á Alcoa ficou clara ao longo do conflito, non desmarcándose formalmente da posición da compañía até os momentos finais. Pola súa banda, o Executivo central negouse en todo o momento a intervir a planta, empregando argumentos de tipo ideolóxico pero que tamén agocharon o temor a enfrontarse a unha multinacional estadounidense, cuxas privilexiadas relacións co Partido Republicano son coñecidas.

Os contactos entre o Ministerio de Industria e Alcoa foron permanentes ao longo dos últimos meses. A este respecto, fontes gobernamentais coñecedoras das negociacións sinalaron a Nós Diario que “Alcoa expresou desde o primeiro momento a disposición de marchar sen entrar a valorar ningunha compensación por parte do Goberno. Mesmo cando lle formulamos a súa obrigación de devolver parte das axudas públicas recibidas afirmaron que xa recollían ese suposto no diñeiro destinado ao feche da planta. A única cuestión que realmente lle preocupa e mete medo é que lle obriguemos a facerse cargo dos custos de desmontar o complexo e da rexeneración ambiental da zona”.

“Alcoa quedou sen argumentos ao longo deste conflito”, continúan as fontes gobernamentais que destacan “como a oferta de compra de  Liberty House e, tamén, doutros operadores do aluminio evidencian que a compañía é rendíbel e o prezo da enerxía non impide producir aluminio no Estado”. Nunha dirección semellante, a representación sindical significa que “a fábrica e perfectamente viábel” e lamentan que o Goberno non teña derrogado a reforma laboral tal como ten prometido. “Co marco normativo anterior a 2012, non sería posíbel un despedimento como o que propón Alcoa”, conclúen. 

As intencións reais da multinacional son unha auténtica incógnita. Malia que a compañía amosou a súa disposición a ampliar o período de consultas durante seis semanas para negociar unha posíbel venda da factoría de aluminio ao grupo británico, Liberty House, unha boa parte dos traballadores da planta desconfían das intencións reais de Alcoa. Neste liña cuestionan que a multinacional teña interese en que a operación de venda finalmente se formalice e non descartan que “Alcoa empregue unha táctica de dilación, co obxectivo de que corra o tempo e poñendo paus na roda á compra por Liberty”. A este respecto, lembran “a guerra aberta entre as dúas empresas desde fai anos”.

Comentarios