As traballadoras de Pull&Bear volven vestir de negro para esixir medidas de conciliación

Por segunda sexta feira consecutiva, a sección sindical da CIG chama ás persoas que traballan na central de Pull&Bear en Narón a vestir de negro en demanda de melloras na xornada laboral.

Sede de Pull&Bear en Narón
photo_camera Sede de Pull&Bear en Narón [Imaxe: Inditex]

Venres de negro en Pull&Bear Narón. A central da CIG na filial do grupo téxtil Inditex chama ás traballadoras da empresa a acudir aos seus postos esta sexta feira vestidos de negro en demanda dunha xornada laboral que permita conciliar.

Nesta campaña, á que están chamadas a participar preto de 200 traballadoras, a CIG denuncia que a produtividade da empresa non pode servir de escusa para non modificar a xornada laboral, xa que, como lembran, nos catro meses de verán xa se permite ás persoas traballadoras saír os venres ás 15.00 horas, que é o que agora reivindican.

Logo do éxito da convocatoria da semana pasada, a sección sindical anima ao cadro de persoal a seguir reclamando a mellora da xornada por esta vía. Tamén teñen solicitada unha xuntanza coa dirección de Recursos Humanos de Pull&Bear España que confían en que se celebre en breve.

Comentarios