Traballador@s da cafetaría da CRTVG okupan o Consello de administración contra o despedimento de 3 persoas

En folga indefinida desde o 19 de agosto, exixen que a concesionaria da praza, Culinaria, renuncie a ela para que o ente público convoque un concurso e adxudique o servizo a outra empresa.

13-10-22 cafeteria CRTVG 002.grande


Traballador@s da cafetaría da CRTVG okuparon as instalacións do ente público en que o Consello de administración realizaba unha xuntanza --no edificio de San Marcos, en Compostela-- para reclamar a demisión de tres persoas despedidas pola adxudicataria da concesión, Culinaria, con sede en Silleda. 

Segundo a voandeira informativa que editaron, a empresa comprometeuse a restituíl@s nos seus postos se a dirección da televisión pública se comprometía a ampliar o horario de apertura da cafetaría. Após as pertinentes negociacións e conseguir que a TVG aceptase tal condición, agora Culinaria reclama garantías de que o volume de vendas se vai incrementar para devolver os empregos ao persoal despedido.

En greve indefinida desde o 19 de agosto, a actividade na cafetaría está practicamente paralizada. Os e as traballadoras contan co apoio do cadro de persoal da televisión e da radio públicas no "boicot" a Culinaria. Exíxenlle que renuncie á concesión para que a CRTVG adxudique, mediante concurso público, o servizo a outra empresa. 

A garda civil disolve un protesto "da Galiza profunda"

Culinaria fíxose coa concesión do estabelecemento hostaleiro o 1 de agosto e ese mesmo día xa lles prohibiu a entrada a tres empregad@s, que recibiron a carta de despedimento. Tal e como denunciou a CIG naquela altura, a empresa negouse a lles entregar a documentación necesaria para acceder ao subsidio por desemprego. 

O 29 de agosto, cando se facían dez días de folga e após varias mobilizacións en San Marcos, ducias de persoas realizaron unha concentración diante das instalacións de Culinaria, no polígono industrial de Silleda. Seis d@s manifestantes entraron no edificio para protagonizar un peche simbólico.

O protesto foi disolto pola Guardia Civil após advertir o responsábel do corpo armado "que non ían permitir esas manifestacións da Galiza profunda", explicaron desde a central nacionalista. Segundo contaron, o axente levaba posto o tricorne.

Comentarios