O tope do gas encarece o prezo da factura eléctrica á consumidora en perto de 30%

As comercializadoras transfiren á súa clientela os custos do mecanismo de axuste.
A fixación dun tope ao prezo dos gas non consegue deter a . (Foto: Europa Press)
photo_camera A fixación dun tope ao prezo dos gas non consegue deter a alza do prezo da luz. (Foto: Europa Press)

As queixas polo incremento do prezo da electricidade como consecuencia da entrada en vigor do tope do gas sucédense en toda a Galiza. Particulares e negocios denuncian incrementos na factura da luz de até 4.000 euros ao mes. A OCU cifra en arredor de 30% a suba media da electricidade por este concepto.

O tope do gas está provocando unha distorsión no prezo da electricidade. Así, unha factura dun negocio hostaleiro da Mariña á que tivo acceso Nós Diario marca para o mes de agosto un custo da luz de 1.869,73 euros, correspóndense co IVE 374,50 euros, coa potencia consumida 850,12 euros e co tope ao gas 717,65 euros. Un caso análogo preséntao un recibo dun particular da Costa da Morte, que no mes de setembro pagou 155,18 euros en concepto de enerxía consumida e 143,51 polo tope do gas.

Os casos referidos son dous exemplos, mais segundo as estimacións da Organización de Consumidores e Usuarios (OCU), o tope do gas supuxo no pasado mes de setembro un incremento medio adicional de 10 céntimos de euro por quilowatt/hora consumido. Neste sentido, a entidade cifra en 30% o encarecemento da factura eléctrica mensual, sendo de 31% no caso do mercado libre e de 27% no caso do mercado regulado, aquel en que o prezo está directamente ligado ao mercado grosista. Ademais, a Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia (CNMV) está a elaborar un informe sobre o impacto do tope do gas nos novos recibos, após xurdir dúbidas sobre a súa legalidade. 

Que é o tope do gas?

O tope do gas é a denominación popular do mecanismo de axuste ou do mecanismo da excepción ibérica deseñado para conter o impacto da escalada do prezo do gas nos prezos da electricidade. Nesta liña, estabelece un límite ao prezo do gas de determinadas centrais de xeración, principalmente nas de ciclos combinados de gas, co obxectivo de evitar o traslado da alza do prezo desta fonte enerxética ás restantes tecnoloxías de produción. Porén, o seu impacto está sendo limitado, até o punto de fixar a hidráulica, nalgúns casos, os prezos máximos da electricidade no mercado grosista.

Prezos máximos

As mudanzas introducidas polo tope do gas fixan unha maior ou menor porcentaxe dos custos do sistema en función do momento do día en que se consuma. As horas punta están penalizadas con perto de 50%, as chairas con, aproximadamente, 30% e os vales, perto de 10%. O especialista en materia enerxética Andrés Breixo sinala a Nós Diario que “os custos son máis elevados co mecanismo de axuste do gas durante a noite e de dúas a seis da tarde”, mais lembra que “a maioría da xente non é quen de controlar estes horarios”. 

"O mercado regulado sempre foi o máis barato e o que máis garantía xurídica ofreceu ás persoas consumidoras. Ademais, as normas eran máis claras porque o prezo final estaba ligado ao mercado grosista. Porén, as cousas comezaron a mudar en setembro do ano pasado, cando as catro grandes comercializadoras eléctricas, Enel, Naturgy, Iberdrola e Repsol, que ao tempo xeraban electricidade, comezaron a facer ofertas cunha parte da enerxía que non someten ao mercado grosista, pero ao ser de produción propia xéralle beneficios nalgúns casos de 300%”, expón. "O problema non arranca coa guerra de Ucraína”, continúa Breixo, quen apunta que “isto comeza en setembro de 2021, cando os Estados, no marco da transición enerxética, comezaron a situar o gas como enerxía de reserva das renovábeis, o que levou os produtores deste combustíbel a subir os seus prezos”. 

O gas no mercado grosista

Andrés Breixo explica que “Alemaña impuxo á Unión Europea (UE) que o gas é unha fonte enerxética verde co obxectivo de que lle financien a súa compra. Outro tanto pasa con Francia, que logrou a declaración da nuclear como enerxía verde, polo que a UE está financiando os arranxos das súas centrais nucleares”. Porén, entende que a alternativa para o prezo pasa “por retirar o gas do mercado grosista” e mudar o sistema de fixación de prezos. 

Comentarios