Tomiño lanza un portal para a compra en liña nos comercios do municipio

Cada comercio do concello conta co seu propio espazo.
O Concello do Porriño botou a andar en decembro de 2020 un portal para o comercio local (Imaxe: Concello do Porriño).
photo_camera O Concello do Porriño botou a andar en decembro de 2020 un portal para o comercio local (Imaxe: Concello do Porriño).

A veciñanza de Tomiño e da súa contorna xa pode empregar a plataforma de venda en liña do comercio local, unha iniciativa do consistorio para apoiar o comercio de proximidade.

"Nun momento de auxe de venda en liña por mor da pandemia, Tomiño apostou por acompañalo no salto á dixitalización e facelo empregando un modelo diferente no que combinou a formación das e dos comerciantes en novas tecnoloxías co desenvolvemento desta plataforma", informan desde o Concello.

No canto de crear un portal para moitos comercios, atenda.gal recolle unha tenda virtual para cada un deles. Todos teñen o seu espazo.

"Para nós é unha garantía de éxito de futuro", apuntou a alcaldesa, Sandra González. A iniciativa foi custeada pola Administración local sen ningún tipo de repercusión para as e os comerciantes.

Cada comerciante é autónomo para xestionar a súa tenda en liña, introducindo e eliminando produtos ou encargándose. A clientela pode acceder a todas as tendas da plataforma cunha única conta de usuario.

"Son os mesmos comercios coa mesma calidade e a mesma atención personalizada de sempre pero chegamos a eles a través doutra canle", di a rexedora.

O Nadal será a primeira oportunidade para experimentar a acollida de atenda.gal. Desde o Concello de Tomiño salientan a positiva acollida das e dos comerciantes.

"Accións como esta serven tamén para manter e incluso crear emprego nos negocios dos barrios, que o están pasando moi mal. Dar este paso vai axudar a moitos comercios a chegar a nova clientela e vai dar un pulo importante ao comercio local", destaca Ana G. Morell, dona dun comercio de Tomiño. 

Comentarios