A renuncia do comprador deixa no aire o futuro da conserveira Thenaisie

A incerteza sobre o futuro do emprego volve á conserveira Thenaisie Provôté, con centros de traballo en Mos e no Grove, após o empresario vigués Alfonso Caneiro retirar a súa proposta para facerse coa compañía, en mans da firma romanesa Skandia Foods, que negocia agora outra saída coa Xunta da Galiza.
Traballadoras de Thenaisie nunha manifestación no Grove (CIG).
photo_camera Traballadoras de Thenaisie nunha manifestación no Grove (CIG).

Cando todo parecía encarrilado para que a conserveira do Grove Thenaisie Provôté atopase un comprador que revertese a difícil situación pola que atravesa a compañía, o contexto volve practicamente ao punto de partida.

O empresario vigués Alfonso Caneiro, segundo apuntan fontes da negociación, retirou a súa proposta para facerse coa planta do Grove e co centro loxístico que a firma ten en Mos, agora en mans do grupo romanés Scandia Food. Nestas instalacións traballan 125 persoas que miran agora con preocupación o seu futuro.

En declaracións a Nós Diario, Rosa Domínguez, presidenta do comité de empresa de Thenaisie Provôté, entende que a decisión do empresario ten que ver co feito de que desde a dirección e as Administracións "estábanlle a pór a cambadela". "Temos a sospeita de que a Xunta tampouco se portou todo o ben que debería. Non é normal que a única oferta en firme para salvar a empresa non saia adiante", critica Domínguez. 

Esta terza feira, e tamén durante o día de onte, a Xunta e Scandia Food mantiveron xuntanzas para tratar de buscar unha alternativa que garanta a continuidade da actividade nestes centros, así como o mantemento do emprego. 

Desde o comité, a súa presidenta sinala que non ten información ningunha das propostas que están a debater. "A día de hoxe non hai ningunha oferta sobre a mesa", apunta, ao tempo que lembra que "calquera decisión ten que pasar polo comité e vir acompañada dunha garantía de viabilidade". 

Neste senso, temen que a actual propietaria, a romanesa Scandia Food, queira apañar agora o diñeiro co que a Xunta tiña pensado apoiar a proposta de Caneiro. "Nós non imos avalar un proxecto coa mesma xente que nos levou á ruína e que nos fixo perder clientela, e menos financiado con cartos públicos", advirte Domínguez, que non rexeita mesmo acudir á vía xudicial para defender o futuro da compañía. "Non desbotamos ningunha posibilidade", afirma.

Mobilizacións

Polo de pronto, se antes de mañá non obteñen ningún tipo de resposta da Xunta ou da empresa sobre as negociacións, seguirán adiante coas mobilizacións que tiñan convocadas para esta sexta feira ante a delegación da Xunta en Vigo e diante da sede de Garrigues, o bufete que leva a administración concursal de Thenaisie Provôté.

Desde o comité teñen claro que non van dar a batalla por perdida, e menos se a solución pasa por que siga Scandia Foods á fronte, unha compañía que, como lembra a presidenta do comité, "asume e recoñece que non souberon levar unha conserveira de peixe", aínda que estivesen especializados en conservas de carne en Romanía. "Se [a Xunta]os apoia con diñeiro públicossaben que lles imos estar enriba", advirte Rosa Domínguez, que lamenta a retirada da proposta de Caneiro, "a quen lle fixeron a vida imposíbel". 

O 'tapado' 

Outra das sospeitas do persoal traballador é que a Xunta estea a negociar con Scandia Food a entrada dun socio empresarial "amigo", e que por iso tumbaron os plans de Caneiro. Ese socio podería ser o propietario da conserveira catalá Dani, que xa amosara o seu interese por facerse coa firma do Grove. De feito, como indica Domínguez, directivos desta firma visitaron as instalacións de Thenaisie este mesmo mes, xa que a Covid-19 impedíralles coñecelas antes. 

O problema de dar entrada a este novo socio, que desde o comité verían en todo caso como unha "operación de maquillaxe" para xustificar a entrega de diñeiro público a Scandia Foods, é que Dani conta xa cunha fábrica de conservas en Carnota e, como explican os e as traballadoras, "con marisco non se pode manter as dúas plantas".  

Só suposicións

Desde Comisións Obreiras (CCOO), o sindicato minoritario en Thenaisie, sinalaban estes días que de momento "todo son só suposicións", e mesmo chegaron a insinuar que a retirada de Caneiro non era definitiva. O que si, botaban en falta máis contundencia por parte do empresario vigués á hora de presentar a súa proposta, un proxecto que cualifican de "interesante", mais apuntan que só era "de palabra".

"O que non quería era perder a súa credibilidade como empresario", replican desde o comité, que argumentan que o seu proxecto non só era viábel, senón que achegaba moitas sinerxias. Caneiro dispón de frota propia e podería prover a Thenaisie de materia prima nun momento no que, recoñecen, "está a resultar un problema".  

Co tempo en contra

O tempo corre na contra das traballadoras e traballadores da conserveira Thenaisie Provôté. De momento, seguen a cobrar as súas nóminas, mesmo a paga extra de xullo, que recibiron "sen problemas". A factoría do Grove está a producir "a pleno rendemento", e iso pese a que Scandia Food perdese boa parte da clientela durante o confinamento. "Había traballo e pedidos, mais a empresa suxeriulles por carta que buscaran outros provedores", indica a presidenta do comité de empresa.

"A caixa cada vez é máis pequena", di Domínguez en relación a que os salarios das traballadoras e dos administradores concursais están a reducir os cartos dispoñíbeis. Neste senso, a líder sindical advirte de que o mes de agosto é inhábil, "por iso estamos apurando unha solución" que contan con que chegue antes de que remate o mes, é dicir, tan só en cuestión de horas.

Comentarios