Thenaisie Provoté albisca unha saída con dous novos potenciais compradores

Dúas empresas presentaron ofertas no xulgado mercantil que leva o proceso concursal para facerse coas instalacións da conserveira Thenaisie-Provoté no Grove e Mos
Manifestación do sector das conservas no Grove decorrida o pasado ano (Foto: Nós Diario).
photo_camera Os traballadores e as traballadoras da conserveira do Grove levan anos loitando polo mantemento da actividade industrial (Foto: CIG).

Despois de varios meses de loita, as traballadoras e os traballadores da conserveira Thenaisie-Provoté non dan por perdida a empresa, actualmente en fase de liquidación. De feito, están convencidas de que dúas ofertas de última hora poderían ser a chave de salvación que evitaría o feche definitivo dos centros produtivos do Grove e Mos e o despedimento do centenar de persoas que neles traballan. 

Segundo relata a Nós Diario a presidenta do comité de empresa de Thenaisie-Provoté, Rosa Domínguez (CIG), dúas empresas chegaron a presentar ofertas antes de que vencese o prazo fixado polo xulgado mercantil que leva o procedemento concursal.

Trátase dunha firma murciana vinculada ao sector da conserva que, como explica a representante sindical, propón un plan a medio prazo. Nun principio manterían 10 empregos, mentres acometen labores de modernización nos centros produtivos, co compromiso de recolocar despois o resto do persoal. 

A outra das ofertas presentadas corresponde a unha empresa valenciana que propón "unha solución de continuidade". Retomaría a actividade con 50% do cadro de persoal (51 persoas no Grove e 20 en Mos), que, como indica Domínguez, "case sería o cadro de persoal dispoñíbel se temos en conta as prexubilacións". Posteriormente, a medida que se incremente a produción, iríase incorporando o resto do persoal.

En ambos os casos, a oferta é polas dúas unidades produtivas ─a planta do Grove e a plataforma loxística de Mos─ e, como apunta a representante sindical, "a colla quen a colla vai ter que gastar cartos para arranxalas", xa que "precisan unha posta ao día", afirma Domínguez.

A opción galega

Thenaisie-Provoté, actualmente en mans da compañía romanesa Scandia Food, estivo hai uns meses a punto de volver a mans galegas, mais o empresario vigués Alfonso Carneiro retirou a súa oferta por falta de apoio da Xunta da Galiza.

Tamén soou como posíbel comprador o grupo catalán Conservas Dani, que propuña manter 12 traballadoras. Rosa Domínguez recoñece que "non nos gustaba" a súa proposta, pero o que menos lle gustou foi que "após levar todo o ano liándonos, retirou a súa oferta e deixounos colgadas".

"A día de hoxe só hai presentadas estas dúas ofertas", di Domínguez en alusión ás das firmas murciana e valenciana, mais tamén recoñece a existencia de conversas cunha terceira empresa galega, Conservas Rías Baixas, que "non a vai presentar se o Igape non as avala" na procura de financiamento.

Froito da loita

Pola súa banda, a responsábel da FGAMT-CIG do Salnés, Rosa Abuín, afirmou esta semana que coa mobilización e co traballo sindical "os conflitos poden resolverse, como neste caso", no que a loita das traballadoras, co respaldo sindical e da veciñanza do Grove, "vai permitir a supervivencia da compañía e de máis dun cento de empregos". 

"Podemos dicir case con total seguridade que a conserveira Thenaisie non se fecha", dixo Abuín, que se amosou convencida de que "sen loita, a empresa estaría fechada hai tempo".

Comentarios